A ampliación do CAAN para 2014 percibirá 150.000 euros da administración provincial
A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha campaña de sensibilización e concienciación social contra o abandono dos animais a través do Centro de Acollida e Protección de Animais Domésticos da provincia (CAAN). O obxectivo é atallar o problema dos abandonos desde a base, “promovendo actitudes de respecto e concienciando a poboación contra este tipo de maltrato”.
Así o asegurou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa de presentación da campaña, na que tamén participaron o responsable veterinario do CAAN, Santiago Díaz, o xefe deste Servizo na Deputación, Gabriel Rodríguez, e a deputada provincial Begoña Estévez.
15.000 exemplares
A campaña componse de dous tipos de carteis e un tríptico informativo, cunha tirada de máis de 15.000 exemplares que se distribuirá en todos os concellos da provincia, centros escolares, universidades e colexios de veterinarios.
Baixo o lema Tres cans abandonados por cada 1.000 persoas, ¿es unha delas?, o primeiro dos carteis busca concienciar a sociedade sobre o problema do abandono –que sofren 6.000 cans cada ano en Galicia–, amosando os cidadáns como corresponsables do problema, tanto na presentación deste –é o home o que abandona– coma na súa solución.
Neste sentido, o segundo cartel, Busco dono, presenta a imaxe de cans que están no Centro na busca dun novo propietario; trata de transmitirlle á poboación a necesidade de optar pola adopción como alternativa prioritaria na adquisición dun animal.
No tocante ó tríptico informativo, ademais do contido dos dous carteis, recolle consellos e recomendacións para a tenza responsable dos cans.
Así, utilizando as iniciais da palabra “ideas”, incide na necesidade de identificar e rexistrar os animais, tal e como recolle a lei, porque, segundo indicou o veterinario do Centro, Santiago Díaz, “este é o mellor antídoto contra o abandono”. Permite localizar os propietarios en minutos; denunciar os abandonos; esterilizar os animais adultos para evitar camadas indesexadas e posibles fugas e extravíos no período de celo; adoptar, como acto solidario e responsable; e sementar a conduta responsable entre os máis pequenos, porque, en palabras do presidente da Deputación, “un neno concienciado será un adulto responsable; os pequenos son verdadeiros mestres de boas prácticas nas súas familias e no seu contorno máis próximo”.
Neste sentido, Rafael Louzán anunciou unha segunda fase da campaña, que se dirixirá a todos os centros de primaria da provincia, nos que se distribuirán unidades didácticas.
Máis de 1.200 intervencións
Na rolda de prensa de presentación da campaña o presidente da Deputación anunciou a ampliación do Centro, para o cal se incluirá unha partida duns 150.000 euros nos orzamentos de 2014.
Louzán subliñou que se trata “dun servizo de interese social” que está a funcionar moi ben, pois nos sete primeiros meses xa se realizaron máis de 1.200 intervencións; as comarcas do Salnés e Vigo son as que maior número de actuacións requiriron, 305 e 253, respectivamente.
Dos animais recollidos, máis dun cento foron adoptados, mentres que 143 puideron ser entregados ós seus donos. Máis de 400 se atopan nestes momentos no Centro de Acollida da Armenteira.
O presidente da Deputación amosou tamén a súa confianza e a dos que traballan no CAAN en que nos próximos meses se incrementen as adopcións, grazas á recente posta en marcha da web do Centro, que en só dous meses de funcionamento recibiu máis de 4.000 visitas.











