Xesús Vázquez visita os traballos de restauración do retablo da igrexa de San Pedro de Moreiras en Toén
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o avance dos traballos de restauración do retablo de Santa María, na igrexa de san Pedro de Moreiras, na localidade de Toén. Tal e como sinalou o conselleiro este investimento, que supera os 11.700 euros, é unha clara mostra do compromiso do seu departamento coa recuperación deste importante elemento renacentista do patrimonio ourensán.
“Grazas aos traballos que se van executar o retablo vai recuperar o seu esplendor e riqueza cromática- sinalou Xesús Vázquez- Ademais estamos a contribuír á conservación da peza, a través da limpeza, desinsectación e repaso da consolidación estrutural que se está a facer”.
Os traballos, realizados pola restauradora Carlota López Brea, consisten na limpeza mecánica do anverso e do reverso do retablo, eliminando po e restos biolóxicos da superficie; ademais da desinsectación, curativa e preventiva do retablo. Tamén en prol da conservación da peza estase a facer un repaso da súa consolidación estrutural, co obxecto de devolverlle á madeira a súa estabilidade e consistencia. Así mesmo realízase unha revisión de anclaxes, tanto da estrutura de soporte como das pequenas pezas ornamentais que forman o retablo.
No que atinxe ás policromías, estase a levar a cabo un proceso de fixación das mesmas, ao tempo que se realizan catas para determinar o estado da mesma e recuperar as cores orixinais do retablo. Ademais estase a proceder á reposición e reintegración volumétrica dos fragmentos perdidos, co apoio documental que garanta o máximo respecto ao orixinal.
O retablo de santa María atópase na capela que constitúe o brazo esquerdo do cruceiro da igrexa, ocupando o muro da parte leste deste espazo. Segundo as fontes documentais consultadas, constitúe unha representación da retablística galega de época renacentista, e algúns autores atribúeno ao escultor Cornielles de Holanda. Policromado e dourado, adórnase cun rico tratamento decorativo con detalles de embelecemento propios do estilo, e profusos relevos vexetais por toda a superficie.