Os estudantes do obradoiro de auxiliar de servizos administrativos de Fademga visitan a delegación viguesa da Xunta

Bravo Bosh durante a visita dos estudantes
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deu esta mañá a benvida aos 15 alumnos e alumnas do Curso de Operacións de Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais/Ordenanza, organizado pola Federación de Asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual de Galicia (Fademga) e que, no día de hoxe, levaron a cabo unha xornada formativa práctica cunha visita á Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
A Delegación da Xunta en Vigo colabora así con este colectivo participando nesta actividade formativa cunha xornada práctica na que os 15 alumnos e alumnas visitaron as dependencias do edificio administrativo co obxectivo de que puideran coñecer e asistir ao desenvolvemento dun día ordinario de traballo do persoal da categoría referida ao curso de formación que están realizar.
Deste modo, os alumnos e alumnas percorreron e recibiron explicacións do traballo que un auxiliar de servizos administrativos/ordenanza realiza no seu día a día.
Tras a recepción da delegada da Xunta pasaron a visitar a Oficina de Rexistro e Información, onde se lles ofreceu unha sucinta explicación das tarefas e do funcionamento do rexistro administrativo, da tipoloxía do rexistro e dos procesos de entrada e saída da documentación. Así mesmo, asistiron aos procesos de información ao público e da procura da mesma para facilitárllela aos cidadáns. Por último, tiveron unha breve explicación relativa á tramitación das taxas e o seu aboamento na oficina ubicada no edificio.
A continuación, visitaron distintos departamentos da Delegación, onde os alumnos tiveron a oportunidade de observar as tarefas que os ordenanzas realizan en cada pranta: distribución de correo, facturación, operación de apoio administrativo, reprodución de documentos, etc.
Tras isto coñeceron o arquivo, onde a xefa de sección explicoulles o que é un arquivo administrativo, as tarefas que se desenvolven e o sistema de funcionamento, e por último, coñeceron a xestión de paquetería e peche de correspondencia dunha xornada de traballo.
O curso organizado por Fademga
O Curso de Operacións de Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais/Ordenanza organizado por Fademga está impartido por dous monitores. Cunha duración de 390 horas, levouse a cabo dende o 27 de maio ao 17 de setembro, onde os 15 alumnos e alumnas recibiron a formación teórica no Centro Cívico do Casco Vello.
Os obxectivos do curso son adquirir competencias profesionais para realizar operacións de apoio administrativo básico, transmitir e recibir información operativa en xestións de apoio administrativo, e realizar operación auxiliares de reproducción e arquivo en soporte convencional ou informático.











