O Plan de Banda Larga da Xunta facilita o acceso a Internet a 74.700 veciños da área viguesa

A delegada Bravo Bosh durante a comparecencia
O Plan de Banda Larga da Xunta posibilitou que, a día de hoxe, máis de 74.700 habitantes de Vigo e a súa área metropolitana dispoñan de acceso a Internet. Dende os seus inicios, o plan, levado a cabo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilitou que máis de 74.700 habitantes dos 14 concellos que conforman a área territorial de Vigo, que carecían de cobertura, poidan ter acceso á Rede. Así o indicou hoxe en rolda de prensa a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch.
A máxima representante do Executivo galego na cidade afirmou que, antes do plan, 87.225 persoas dos 14 concellos da área non podían acceder a este servizo. No caso de Vigo cidade, posibilitouse o acceso a máis de 35.700 persoas, o que supón un 12% da poboación que tiña problemas de cobertura.
Así, Bravo Bosch destacou que “a porcentaxe de poboación con cobertura no conxunto da Área Metropolitana pasou do 81,8% en 2010 a preto do 98% a día de hoxe”, quedando a posibilidade de cobertura vía satélite para os casos con maiores dificultades e problemas de acceso.
A delegada puxo coma exemplos máis significativos os casos dos concellos de Pazos de Borbén ou Salvaterra do Miño. No primeiro, o municipio pasou dun 41% de habitantes con cobertura a máis do dobre a día de hoxe (máis do 98%); mentres que no caso de Salvaterra, pasouse dun 54% antes do plan a máis do 98% agora.
A delegada da Xunta fixo especial fincapé tamén no caso de Vigo cidade, onde máis de 35.700 persoas se beneficiaron desta iniciativa, amosando casos concretos de distintas parroquias da cidade que tiñan especiais dificultades de cobertura. Neste senso, a cidade pasou de ter unha cobertura inicial do 85% a unha final de preto do 98%. Así, zonas máis rurais coma Bembrive, San Andrés de Comesaña, Beade ou Zamáns chegaron a duplicar e triplicar a súa cobertura inicial coa implantación do plan e quedando a posibilidade de Internet vía satélite para o 2% restante.
O Plan de Banda Larga, que se puxo en marcha en 2010, é un plan a catro anos que se desenvolve de xeito progresivo nos núcleos da comunidade galega sen cobertura, nos que cuestións como a dispersión poboacional ou a orografía dificultan os despregamentos. De aí que, nalgúns concellos haxa zonas nas que xa se completaron as actuacións e noutras nas que se completarán ao longo deste ano e con cobertura vía satélite durante 2014.
O plan está a impulsar o despregamento de redes fixas e sen fíos “e conta ademais cun programa de axudas para a conexión vía satélite para aquelas zonas nas que non é posible facilitar o acceso a Internet con ningunha outra tecnoloxía”. Estas medidas están destinadas á dotar de cobertura a todos os galegos. Pero ademais o plan ten outro obxectivo que é impulsar a implantación na comunidade de redes de Nova Xeración (NGA) con ata 100 Mbps de velocidade.
Conexión vía satélite para as zonas máis illadas da comunidade
Para as zonas máis illadas da comunidade, nas que non é posible o acceso a Internet mediante outra tecnoloxía, o plan conta cun programa de axudas para a conexión vía satélite do que esta mañá informou tamén a delegada da Xunta lembrando que aínda está aberta a convocatoria para solicitar axudas. “Está aberta a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite por parte de fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a Comunidade, que poderán solicitar estas achegas ata o próximo 30 de setembro”, explicou Bravo Bosch.
O programa conta este ano “cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a arredor de 2.000 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía”. Na primeira convocatoria de 2012 se beneficiaron preto de 700 familias e empresas de toda Galicia, sendo un total de 67 familias e pemes da provincia as que solicitaron estas axudas.
O investimento total das axudas na comunidade é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas galegas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.
Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.
As entidades colaboradoras ofrecen servizos de Internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
As axudas tramitaranse a través de 4 empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Duo, Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-14).
Redes de 100 Mbps
Ademais de dotar de acceso a Internet a todos os galegos, outro dos obxectivos do plan é impulsar a implantación de redes NGA, que permiten velocidades de ata 100 Mbps. Cómpre destacar que Galicia é das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a extensión deste tipo de redes. O plan permitiu que, ata finais de 2012, sexan xa máis de 1,1 millón os galegos que teñen acceso a estas redes máis punteiras. Na área metropolitana de Vigo son máis de 64.000 as persoas que teñen acceso a estas redes.











