O II Plan Emprego da Deputación de Pontevedra permitirá 870 contratacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

O 1 de novembro é a data límite que os concellos da provincia teñen para contratar persoal no marco do II Plan de emprego da Deputación. Así o lembrou esta mañá o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, quen lles comunicou ós alcaldes que xa está en marcha este II Plan; poderán presentar as correspondentes solicitudes ata o 10 de outubro.

Na solicitude os concellos deberán indicar os servizos para os que demandan o persoal así como o perfil das persoas desempregadas que precisan contratar, tendo en conta que deberán ir destinadas obrigatoriamente á prestación ou ó desenvolvemento de servizos, tarefas e funcións de carácter prioritario.

870 novas oportunidades

O obxectivo da Administración provincial é darlles unha oportunidade de traballo ás persoas que nestes momentos se atopan nunha situación precaria. Por iso a iniciativa vai dirixida especialmente ás persoas de máis de 30 anos que non só se atopan en situación de desemprego senón que carecen de prestacións ou dispoñen unicamente de prestacións sociais básicas coma a RISGA.

Os contratos serán a tempo parcial e terán unha duración de seis meses; con isto búscase darlle unha oportunidade ó maior número de persoas e, ó mesmo tempo, dotar os concellos de recursos humanos para a prestación de servizos básicos.

Nesta liña, cada Concello disporá de entre 8 e 17 traballadores, segundo o número de habitantes.

Financiamento íntegro dos custos salariais

Os concellos beneficiarios terán que solicitar os traballadores a través da Oficina Pública de Emprego, e encargaranse tanto de facer a selección do persoal de entre os candidatos remitidos pola dita oficina coma de formalizar os contratos.

Pola súa banda, a Administración provincial correrá cos custos salariais íntegros destas contratacións, para o cal dispón dun orzamento de 3.010.953,60 euros; o salario de cada traballador será de 700 euros.

Preto de 3000 postos de traballo nun ano

Louzán lembrou que este II Plan de emprego enlaza co primeiro, que está a punto de rematar e que deu traballo a outros tantos desempregados.

A este plan hai que sumar outras iniciativas coas que a Deputación de Pontevedra está a impulsar o emprego na provincia, atendendo de maneira especial os colectivos con especiais dificultades.

En total son preto de 3000 os postos de traballo que a Deputación impulsará ó longo deste ano, entre os que figuran as contratacións de preto de 1800 persoas polos devanditos plans de emprego para a prestación de servizos básicos nos concellos, dirixidos ó persoal sen cualificación e de difícil inserción laboral; e os dos dous plans de práctica laboral, tamén en marcha.

26 de setembro de 2013 | 15:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.