O II Curso de actualidade xurídica comeza coa contratación pública local
A Deputación de Pontevedra xunto COSITAL (Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración local de Pontevedra) inaugurou hoxe o “II Curso de actualidade xurídica de réxime local. A Contratación Pública Local” no Pazo provincial. O curso desenvolverase ata o xoves 19, en horario de 9:30 a 14:30 e de 16:30 a 20:30.
A deputada provincial Begoña Estévez estivo presente nesta primeira xornada do curso, que versou sobre “As futuras directivas de contratación pública. Principais características da nova regulación”; “As cláusulas sociais e medioambientais na contratación pública”; e “A contratación electrónica”. Nelas os relatores salientaron a importancia da “transversalidade da contratación pública, ante a constante modificación da realidade do país e sobre todo, dos seus documentos, polo que a formación de todos os traballadores públicos ten que ser axeitada, e adaptándose á Estratexia Europa 2020, no que prime un rexurdimento intelixente”.
Reforma local
Cunha duración de 28 horas e 120 prazas cubertas, seguirá tratando os vindeiros días a contratación e reforma da Administración local.
Trátase dun curso para as administración públicas, entre elas a local, no que se analizará o réxime xurídico da contratación pública así como características da nova regulación para a súa aplicación nestas entidades.
O programa conta coa participación de conferenciantes expertos na temática a abordar e a problemática actual:
• Martes 17, “Criterios de adxudicación, selección, melloras e motivación das resolucións de adxudicación na xurisprudencia e na doutrina administrativa”; “Contratos patrimoniais e outros negocios xurídicos sobre bens inmobles das entidades locais”; “A última xurisprudencia sobre a contratación pública”; “O pago do prezo da administración”.
• Mércores 18, “A racionalización dos contratos: especial referencia á central de compras e aos contratos marco”; “As relacións entre poderes adxudicadores e a contratación pública”; “Recurso especial en materia de contratación”, “os contratos relativos aos servizos enerxéticos”.
• Xoves 19, “Modificados dos contratos: especial referencia ás vías de impugnación”; e mesa redonda “Os novos retos da contratación pública”. Nesta xornada os participantes realizarán unha proba de avaliación para obter o certificado do curso.











