O convenio para a reconstrución da ponte sobre o río Boente suporá un investimento superior aos 260.000 euros

Sinatura do convenio colaborador. Foto: X. Crespo
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asinou hoxe un convenio de colaboración cos alcaldes dos concellos coruñeses de Arzúa e Santiso, José Luis García e Fernando Suárez, respectivamente para a reconstrución da ponte sobre o río Boente, despois do seu deterioro como consecuencia das choivas torrenciais acaecidas no 2013.
Este convenio suporá un investimento total de 268.890,66 euros, dos que os concellos asinantes aportan 78.889,41 euros respectivamente e a Xunta 111.111,84 euros, ademais de facerse cargo da execución da obra. O investimento levarase a cabo entre os anos 2013 e 2014.
Medio Rural e Mar constatou a existencia de danos na ponte e a necesidade veciñal de que sexa reparado debido a que xera un grave prexuízo para os veciños que están obrigados a dar un rodeo de entre 15 a 20 Kms para realizar o mesmo percorrido.
Os obxectivos deste convenio son promover o desenvolvemento socioeconómico do territorio rural e a dinamización das áreas rurais de Galicia, así como a mellora da calidade de vida no rural, dotándoas das infraestruturas axeitadas.