publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de mellora da capacidade do sistema de abastecemento do lago de Cecebre executarase en 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesGaliciaLocalPortada esquerda
A-
A+

Con esta iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, a cidade da Coruña e a súa área metropolitana terán garantida a reserva de abastecemento sen necesidade de construír un novo encoro.

O proxecto de mellora de abastecemento da área metropolitana da Coruña plantexa a utilización das augas máis superficiais do lago artificial da mina de Meirama ao canal do río Barcés, a través da construción dunha tubaxe de 1,5 quilómetros, que garantirá un volume de regulación de 24 hm3.

A actuación global implica un investimento de preto de 10 millóns de euros.

Mapa das obras a realizar

Mapa das obras a realizar

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a finalizar a tramitación da primeira fase do proxecto de mellora da capacidade do sistema de abastecemento de Cecebre mediante unha nova toma dende o lago de Meirama. Así o manifestou o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, na súa intervención na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.

A Xunta está a traballar co Concello da Coruña e Emalcsa para determinar a cooperación máis axeitada para executar estas obras que se levarán a cabo en 2014 mediante unha achega económica de 1,9 millóns de euros. A actuación global implica un investimento de preto de 10 millóns de euros, dos que é necesario avanzar unha primeira fase debido ao avanzado do enchido do oco mineiro, acelerado polas abundantes chuvias do pasado inverno.

O Goberno galego prevé duplicar a capacidade do sistema de abastecemento da área metropolitana da Coruña, grazas a construción dunha nova toma que aproveite as augas máis superficiais do Lago artificial de Meirama. En total, aproveitaranse os 24 hm3 superiores dos 150 hm3 cos que contará o lago artificial de Meirama, o que se traduce en multiplicar por dous a actual capacidade de almacenamento do encoro de Cecebre, que ten un volume de 21 hm3.

A solución óptima para conseguir este volume de resgardo no Lago de Meirama consistirá en construír unha toma de auga no lago e conducir a auga captada á canle do río Barcés mediante unha condución hidráulica de 1,5 km de longo.

Este proxecto de mellora do abastecemento da área metropolitana da Coruña garantirá a demanda actual de abastecemento, así como a prevista para o futuro. Deste xeito garántese o abastecemento sen necesidade de executar ningunha nova obra de regulación, aproveitando un volume existente co mínimo custe e tamén co mínimo impacto ambiental.

Descrición do proxecto

Os principais elementos que conforman a actuación de 1,5 quilómetros de lonxitude son: unha toma de auga: a 15 metros de profundidade respecto da lámina de auga final do lago e un falso túnel de canalización de formigón armado con camisa de chapa de aceiro, de 140 metros de lonxitude e diámetro interior de 1,8 mm e diámetro exterior de 2,1 m. Esta condución conecta a toma de auga cunha cámara de válvulas de dimensións en planta de 10 x 11,5 metros, e 22 m de profundidade.

Tamén se proxecta un túnel hidráulico, de sección de escavación en forma de ferradura de 3,5m x 3,5m, revestimento de formigón armado e sección hidráulica circular de 2,7 m. O túnel ten unha lonxitude total de 1.250 m, cunha pendente constante do 0,5%. Na saída, un cono redutor enlaza coa canalización forzada. Canalización forzada de aceiro, de diámetro nominal 1.422 mm e lonxitude de 74 m.

Grazas a estes elementos poderanse derivar os caudais necesarios dende o lago de Meirama ao encoro de Cecebre garantindo uns niveis axeitados ao momento do ano, respectando tanto durante o período construtivo como na súa explotación os parámetros ambientais necesarios para a flora e fauna da zona.

O director de Augas de Galicia subliñou que “esta é unha oportunidade única, aproveitar unha restauración ambiental para garantir o abastecemento de auga potable á Coruña e a súa área metropolitana. Unha solución óptima ambiental e técnica que incidirá positivamente non só no medio natural senón tamén na calidade de vida dos cidadáns”.

Finalmente, sinalou que a calidade da auga no lago está xa a día de hoxe a cumprir as estipulacións que no seu momento se determinaron para o enchido do lago, o que se certifica coas analíticas realizadas no marco do intenso seguimento de Augas de Galicia.

20 de setembro de 2013 | 00:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.