Adxudíacase a reparación do firme dun tramo da estrada Pedrafita-Palas de Rei
Este proxecto ten un prazo de execución de seis meses e beneficiará a máis de 17.000 habitantes dos concellos de Sarria, Triacastela, Samos e Pedrafita do Cebreiro.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudica á empresa Cortizo a reparación localizada na estrada que une as localidades lucenses de Pedrafita do Cebreiro e Palas de Rei (LU-633), concretamente ao seu paso polo Concello de Pedrafita do Cebreiro, xa que se reparará o firme do tramo comprendido entre o punto quilométrico 0+000 ao 13+500. Este proxecto beneficiará a máis de 17.000 habitantes dos concellos de Sarria, Triacastela, Samos e Pedrafita do Cebreiro.
A estrada LU-633 inclúese no Programa de Obras de Conservación Extraordinaria das estradas da Provincia de Lugo, para o ano 2013. Na actualidade, o treito obxecto da actuación presenta importantes deterioros no estado do firme, ademais dalgúns fallos estruturais. O obxecto deste proxecto é definir e valorar as obras necesarias para a rehabilitación e mellorar a seguridade viaria neste treito da estrada.
O Executivo autonómico achega un importe económico de máis de 465.000 euros para a execución destes traballos que se centrarán na mellora de seguridade viaria dun tramo de máis de 13,5 quilómetros. Esta obra iniciarase a mediados de setembro e conta cun prazo de execución de 6 meses.
Actuacións concretas
As actuacións recollidas neste proxecto pasan polo fresado da superficie, o estendido de formigón asfáltico, e rego de adherencia, ademais de betún asfáltico, microaglomerado en frío e pintura acrílica. Por outra banda, tamén se levará a cabo a colocación de sinalización tanto horizontal como vertical, balizamento e defensas.
Con estas actuacións, o departamento que dirixe Agustín Hernández pretende proporcionar aos cidadáns unha rede viaria cómoda e segura que evite a sinistralidade. Por outra banda, foméntase o desenvolvemento económico e social dos concellos da comunidade galega.