publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A xerente do Sergas visitou os terreos do centro de saúde de Pontedeva onde se investirán preto de 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalLocal PortadaPontedeva
A-
A+

A xerente do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez González, visitou hoxe, acompañada do alcalde do concello de Pontedeva, Juan Carlos González Carbajales, os terreos onde se construirá o centro de saúde. A construción desta nova instalación da rede sanitaria pública galega, que conta cun investimento de 487.000 euros, está cofinanciada con fondos europeos e enmárcase no obxectivo da Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de atención primaria, para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.

O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de ao redor de 400 metros cadrados, situarase nunha parcela de 970 metros cadrados cedida gratuitamente polo concello.

Na súa visita, a xerente do Sergas estivo acompañada por técnicos do colectivo de profesionais que encabeza Joaquín López Fando, coordinador responsable do equipo que leva a cabo a revisión do proxecto de execución do centro de saúde, introducindo, entre outras melloras, elementos de eficiencia enerxética coa fin de dotalo dos máximos estándares de calidade e sustentabilidade ambiental.

Así mesmo, a xerente do Servizo Galego de Saúde estivo tamén acompañada pola xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco, Eloina Núñez; polo secretario territorial de Ourense, Luis Menor, e pola subdirectora xeral de Investimentos do Sergas, Belén Currás.

Plan funcional

Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro son, na área de medicina xeral e enfermería, dúas consultas e unha sala polivalente. Na área de administración disporase de arquivo, almacéns e outros servizos comúns.
 

18 de setembro de 2013 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.