publicidade hoxe

A compensación pola explotación do embalse do Umia achegou 4 millóns de euros a Caldas, Cuntis e Moraña

> O conselleiro de Medio Ambiente asina un novo convenio de colaboración para a explotación do encoro de Caldas de Reis, que reverterá un investimento de preto de 390.000 euros nos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña.

> Esta cantidade distribuirase a partes iguais entre os citados municipios e deberase destinar a accións de carácter educativo, cultural ou social para executar neste ano 2013.

Hernández na sinatura do convenio

Hernández na sinatura do convenio

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, sinalou esta mañá que a compensación económica derivada da explotación da presa do Umia xa aportou aos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña máis de catro millóns de euros nos últimos anos, que permitiron ás entidades locais desenvolver actividades educativas, culturais o sociais.

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, asinou esta mañá en Pontevedra un novo convenio co presidente da Deputación, Rafael Louzán; o alcalde de Cuntis, Antonio Pena; a alcaldesa de Moraña, María Luísa Piñeiro; e o primeiro tenente de alcalde de Caldas de Reis, Néstor Fabián Ferreiro; convenio que foi autorizado polo Consello da Xunta hai poucos días e que aporta ás arcas municipais 390.000 euros para o ano 2013.

Este convenio establece as bases que rexerán a cooperación técnica e económica entre as citadas Administracións respecto das cantidades do canon devindicado pola explotación do aproveitamento hidroeléctrico da presa de Caldas de Reis, que se destina a estes concellos para o financiamento de obras ou accións de carácter educativo, cultural e social.

O convenio é anual e xorde como compensación económica aos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña pola construción do encoro do Umia nos seus termos municipais.

Augas de Galicia destinará preto de 390.000 euros para o financiamento das actuacións citadas, que se leven a cabo durante este ano 2013 nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña. A repartición desta cantidade executarase a partes iguais entre os citados municipios, resultando a cada concello un total de 129.696,48 euros.

O conselleiro destacou que en 13 de novembro de 2002 asinábase o primeiro convenio co fin de establecer as bases que rexen a colaboración entre ditas administracións en relación coa concesión para a explotación como aproveitamento hidroeléctrico da presa de Caldas de Reis, no que atinxe ao destino do canon devindicado pola devandita explotación. Dende entón Augas de Galicia subvenciona anualmente actividades de carácter educativo, cultural ou social nestes tres concellos e é a Deputación de Pontevedra a encargada da xestión destes fondos.

Por último, Hernández destacou que a presa de Caldas que abastece aos concellos de Portas, Vilagarcía e Caldas e ao sistema do Salnés, cumpre unha dobre función: regular o abastecemento e regular o caudal en tempo de choivas, o que permite un maior control no caso das inundacións.

13 de setembro de 2013 | 23:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.