30 casas rurais pontevedresas participan no programa Outono Gastronómico

Presentación do programa
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a casa rural “Casa das Pías” en Ponteareas para presentar a 7ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, agrupa 31 casas de turismo rural da provincia de Pontevedra, das 117 que participan en toda a comunidade.
Nesta visita o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde de Ponteareas, Salvador González e pola Xefa da Área Provincial de Turismo, Mª Ángeles Herrero.
O delegado territorial explicou que o programa, que comezou esta mesma semana e finalizará o 15 de decembro, ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promocionar a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.
Segundo explicou Cores Tourís, “o turismo rural galego é líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística, o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”. En Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade, e 11 delas están na nosa provincia.
Novidade do Bono Agasallo
Ao mesmo tempo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra resaltou que este ano, o Outono Gastronómico ofrece por primeira vez a posibilidade de regalar unha experiencia gastronómica e rural en Galicia a través do Bono Agasallo Outono Gastronómico. A través desta iniciativa, os usuarios teñen a posibilidade de celebrar un acontecemento ou ocasión regalando aos seus amigos ou familiares un bono para gozar dun Paquete do Outono Gastronómico.
Deste xeito, o convidado terá a posibilidade de escoller calquera das casas de turismo rural da guía editada con motivo desta promoción e decidir a estadía que prefira dentro dos tres meses de duración da campaña. Deste xeito, a persoa que regala o bono pode activalo chamando ao teléfono de Turismo de Galicia ou a través do correo cir.turgalicia@xunta.es para poder regalar esta experiencia.
Diferentes opcións a elixir co mesmo prezo desde 2011
Na edición 2013, a provincia de Pontevedra é, xunto coa de Coruña, a que participa con un maior número de establecementos, ambas con 31 casas rurais. Séguelles Lugo con 29 establecementos e Ourense, con 26. Desde o 13 de setembro ata o 15 de decembro as casas de turismo rural de Galicia participantes neste programa ofrecen as seguintes posibilidades:
-Un Menú Outono Gastronómico. Pode escollerse entre dúas opcións en cada casa e cada unha delas consta de entrante, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, café ou infusión, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.
-Un Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.
-A terceira posibilidade consiste nunha Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres e sábado- por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.
Se os viaxeiros quixesen compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, poden escoller a opción Fin de semana familiar gastronómica, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos .
Cores Tourís incidiu tamén no acto de presentación en que os prezos das diferentes opcións non experimentaron subas e mantéñense nesta edición igual que nas dúas anteriores.
Promoción por todo o territorio
Para promocionar esta iniciativa elaboráronse 10 mil guías informativas (en galego e castelán) que están a disposición do público nos propios establecementos de Turismo Rural, nas oficinas de Turismo e nos campos de golf. Distribuíronse tamén máis de 500 carteis para a divulgación do programa.
De igual modo promocionarase en medios online e offline, así como a través das redes sociais. Realizaranse sorteos a través da radio e tamén en publicacións especializadas, así como en eventos como a Volta Ciclista a Andalucía BTM, que se celebrará entre o 10 e o 13 de outubro e na que se sortearán fins de semana para dúas persoas. Tamén a través do Facebook de Turismo de Galicia realizarase un concurso para sortear 15 Paquetes de Outono Gastronómico para dúas persoas.
Na web de Turismo de Galicia haberá un apartado específico de información e descargas sobre o programa. Nel, os usuarios poderán atopar información dos establecementos participantes, menús exclusivos, así como o teléfono de información e consultas.
Cores Tourís non quixo rematar este acto sen incidir na importancia do sector turístico para Galicia, e concretamente para esta provincia, para a cal é un dos sectores estratéxicos, xa que representa o 12% do PIB e xera máis de 40.000 empregos. Así mesmo, destacou que concretamente no día de hoxe se celebra o Día Mundial do Turismo, que este ano 2013 ten como lema “Turismo e Auga: Protexer o noso futuro común”.











