publicidade hoxe

Inauguración da estrada de Portela-O Souto de Vea tras o remate das obras de reforma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisCuntisGaliciaLocalMorañaPontevedraProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra inaugurou hoxe a estrada de Portela- O Souto de Vea, acompañado do alcalde do Concello de Cuntis, Antonio Pena Abal, e do alcalde da Estrada, José Carlos López Campos, entre outros.

Cun orzamento de 800.000 euros, realizáronse obras de mellora da seguridade viaria, de renovación do firme e da pavimentación da estrada e creación de beirarrúas para facilitar a mobilidade dos peóns e a comunicación a pé entre os núcleos habitados.

A actuación afectou a un treito de 6,7 quilómetros e a un ancho de calzada de 6 metros e incluíu a limpeza de marxes, reapertura de cunetas e perfilado de noiros; fresado do firme existente e reforzo da plataforma. Ademais renovouse a pavimentación con novo firme e capa de rodaxe, unha acción que supuxo a dotación de 25.000 metros cadrados de rega asfáltica e 8.000 toneladas de aglomerado.

Para a seguridade de viandantes e condutores construíronse 1.800 metros cadrados de novas beirarrúas e procedeuse á sinalización horizontal e vertical da estrada, así como á renovación dos elementos de defensa con varandas de protección para coches e peóns, e antepeitos adaptados para a protección dos motoristas, cun total de 475 metros de sistemas de protección para este colectivo.

A estrada conta tamén con sumidoiros e colectores para a recollida de augas superficiais da calzada (unha instalación de preto de 1.000 metros de tubos de canalización de PVC, 490 metros de tubos de drenaxe de PVC, 11 pozos de rexistro, 33 sumidoiros, 26 arquetas de formigón e 4 recrecidos de arquetas e pozos de rexistro).

Trátase dunha actuación que mellora a conexión de Pontevedra coa capital de Galicia xa que constitúe a principal vía de comunicación de Cuntis, Moraña e Caldas con Santiago.

14 de agosto de 2013 | 01:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.