Gómez Besteiro ofrece a súa colaboración ó Alcalde de Baleira

Reunión entre Gómez Besteiro e Ángel E. Martínez-Puga
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a Ángel Enrique Martínez-Puga López, Alcalde do Concello de Baleira dende xuño deste mesmo ano.
Gómez Besteiro destacou que durante esta xuntanza, que se desenvolveu “nun ambiente de cordialidade”, abordaron diferentes temas de interese para o Concello, e o Presidente da institución provincial trasladoulle a Martínez-Puga o seu desexo de que as relacións discurran con normalidade, xa que “esta Deputación ten as súas portas abertas para todos os Alcaldes da provincia, do mesmo xeito que para as ten para todos os veciños”. Gómez Besteiro lembroulle ó rexedor as diferentes iniciativas de cooperación cos Concellos que a Deputación ten a súa disposición, as cales supoñen un considerable aforro para as arcas municipais, e moitas das cales foron lamentablemente rexeitadas no seu momento polo anterior Alcalde baleirense.
Liñas de cooperación
Algunhas destas liñas de cooperación postas en marcha pola Deputación e das que Baleira quedou fóra pola reiteradas negativas do anterior alcalde, son as auditorías enerxéticas, coas que o organismo provincial proporciona gratuítamente estudios de eficiencia en instalacións municipais, así coma os materiais e dispositivos eléctricos necesarios a custe cero, e que supoñen un aforro medio dun 25% na factura; ou a rede de residencias e centros de día –o Concello baleirense conta con uns 1.400 veciños, dos que o 40% son maiores de 65 anos-, da que o Concello quedou fóra tras a negativa de Acal a ceder terreos municipais para a súa construción.
Precisamente estes días a Deputación está a ultimar os traballos para dotar a Baleira de 3 puntos de acceso wifi público e gratuíto -2 deles en prazas e 1 na Casa Consistorial-, grazas á participación do Concello no programa Innov@TE. Tamén está previsto que a institución provincial remate este mesmo ano as tarefas de revisión da factura eléctrica do Concello, grazas á cal o municipio conseguirá un importante aforro, tanto no prezo de contratación no mercado dun servizo coma o que a Deputación realiza de xeito gratuíto -uns 5.000 euros-, coma no aforro inmediato dun 20% ó ano no importe da súa factura eléctrica.