Aprobado o obradoiro do que se beneficiarán 20 desempregados dos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior
A comisión de valoración da Consellería de Traballo e Benestar vén de aprobar o obradoiro de emprego que foi solicitado de forma conxunta polos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior. Esta iniciativa contará cun orzamento de 177.668 euros e beneficiará a 20 persoas en situación de desemprego destes catro municipios.
Así o anunciou hoxe a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, tras manter unha xuntanza con representantes destes concellos. Na súa intervención, destacou as vantaxes destes proxectos, pois favorecen o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen unha formación teórico e práctica de calidade, certificada e adecuada ao mercado laboral, e permiten a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.
Neste caso, o alumnado especializarase na prestación de atención sociosanitaria a persoas no fogar. Ao rematar o programa, recibirán un certificado de validez para todo o territorio nacional, que demostrará a súa preparación e habilidades e que “incrementará moi significativamente a súa empregabilidade”, destacou Do Campo.
Durante a súa visita, a delegada adiantou tamén a aprobación doutros dous obradoiros máis na área de Betanzos. Entre os tres proxectos, chegarán a un total de 60 beneficiarios nesta zona.
Deste xeito, ao de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior, sumarase tamén o obradoiro concedido ao concello de Betanzos e que se centrará na especialidade de atención á dependencia. Beneficiará a 20 persoas desempregadas. Para poñelo en marcha, a Xunta investirá outros 177.668 euros.
Ademais, tamén foi aprobado o obradoiro conxunto entre os concellos de Oza-Cesuras e Coirós, que tamén se centrará na atención sociosanitaria. Ao igual que os anteriores, Traballo destinará unha achega de 177.668 euros para a formación teórico-práctica de 20 alumnos.
En total, en toda Galicia vanse levar a cabo un total de 50 obradoiros, grazas a un investimento de preto de 10 millóns de euros que beneficiará a ao redor de 1.300 galegos e galegas. Deste total, na provincia da Coruña celebraranse 17 obradoiros, nos que participarán 34 concellos e 370 alumnos, cun orzamento de 3,3 millóns de euros. Esta contía forma parte do investimento total en emprego que a Consellería de Traballo e Benestar realizará ao longo de 2013 na provincia da Coruña e que supera os 51,5 millóns de euros.