A mellora no firme dos camiños rurais de varios lugares do municipio de Monfero supuxo un investimento de 82.000 euros
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, supervisou esta mañá o resultado dos traballos que se levaron a cabo no municipio de Monfero ao abeiro dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) 2012/2013, que contaron cun investimento total de 82.579 euros.
Acompañada polo alcalde da localidade, Benjamín Rodríguez, a representante do Executivo autonómico na Coruña visitou a zona onde se acaban de realizar as obras, que consistiron na renovación do firme de varios camiños nos lugares de Taboada, Pontedapedra e San Fiz., co fin de mellorar as conexións dos veciños dos distintos núcleos de poboación deste entorno.
O obxectivo fundamental destes fondos, procedentes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e xestionados pola Consellería do Medio Rural e do Mar, é o de levar a cabo actuacións en materia de desenvolvemento rural. Así, no convenio entre ambas administracións estableceuse un marco xeral de cooperación onde quedaron definidas as liñas xerais de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas rurais.
Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”. Na mesma liña, Do Campo lembrou que o investimento entre 2012 e 2013 para os concellos da provincia da Coruña foi de case 3,3 millóns de euros.