publicidade hoxe

O grupo de baile e gaitas Santaia celebra no Concello de Oleiros a súa primeira foliada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOleiros
A-
A+

O 20 de xullo celebrarase a I Foliada de Santaia na recentemente estreada praza de Esther Pita en Santa Cruz. Trátase dun evento organizado polo Grupo de Baile e Gaitas Santaia para celebrar o Día da Patria Galega nun ambiente festivo no que o folclore será o protagonista.

A I Foliada de Santaia contará coa participación de múltiples agrupacións folclóricas como o grupo de baile A Maristela de Sobrado dos Monxes, Rueiriños de Nós, Cántigas da Terra, Rebuxeiras de Xacarandaina e a Asociación Cultural Donaire, ademais do grupo anfitrión Santaia.

Para acompañar unha xornada de baile e música, o evento contará tamén con comida e bebida que ofrecerá a Asociación de Veciños Santaia. Tamén haberá postos nos que se poderán mercar obxectos tradicionais do noso folclore como zocos ou pandeiretas.

O Grupo de Baile e Gaitas Santaia aproveitará o evento para promocionarse e tentar recadar fondos cos que financiar as súas actividades. Con este propósito, montará un stand no que porá á venda CDs e camisetas promocionais, ademais de rifas a 1€ para poder participar no sorteo de múltiples premios.

O Grupo de Baile e Gaitas Santaia fundouse en Santa Cruz no ano 1982 no seo da Asociación de Veciños que leva o mesmo nome. O seu cometido é recoller, manter e transmitir as antigas tradicións do pobo galego no eido musical e artístico, para o cal conta actualmente cun grupo de arredor de cincuenta integrantes que reciben clases de música e danza tradicionais.

18 de xullo de 2013 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.