publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Laza potencia o turismo natural e os servizos de emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLazaLocalOurenseProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o Concello de Laza, onde analizou co alcalde, José Ramón Barreal, e o equipo de goberno da corporación local os proxectos que o municipio ten en marcha nos ámbitos turístico, medioambiental, deportivo, de infraestruturas e de emerxencias, coa colaboración en moitos deles da Deputación de Ourense.

Entre estes proxectos destaca unha infraestrutura deportiva, aprobada xa polo pleno da Deputación, por importe de 30.000 euros, e unha remodelación da praza do pobo, obra na que tamén colaborará a institución provincial. Asemade, Baltar e Barreal analizaron os proxectos medioambientais e de emerxencias, dispositivo este último que foi cualificado polo presidente provincial como “o mellor de Galicia, sen dúbidas, co seu grupo municipal de intervención rápida, tanto polo equipo humano que integra este dispositivo como polos medios materiais de que dispón e a súa excelente organización e coordinación”.

A aposta de Laza polo turismo foi outro dos temas tratados na visita de Manuel Baltar a Laza. Neste verán son sete os campamentos que se asentan no municipio, formados por 700 xóvenes procedentes de toda España, cuxa presenza contribúe a dinamizar a vida social e económica do municipio durante a tempada estival, o que, xunto cunha tenda de produtos típicos da zona e dous albergues que entrarán en funcionamento proximamente, fan que Laza estea a impulsar con éxito a atracción de turistas cara esta bisbarra do interior de Galicia, “apostando polos recursos paisaxísticos, a vida saudable e a natureza en estado puro, elementos que son unha fortaleza e unha oportunidade para este concello”, afirma Manuel Baltar.

As visitas que o presidente provincial está realizar polos concellos da provincia de Ourense teñen como obxectivo coñecer in situ os proxectos que están a desenvolver os municipios, comprobar o bo nivel de execución das obras de carácter provincial e atender ás necesidades que plantexen para a mellora das condicións de vida dos veciños e da realidade socio-económica do municipio.

22 de xullo de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.