Aforro de 1,5M€ na xestión de residuos por parte dos concellos da provincia coa actual taxa de separación, establecida nun 10%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

Os concellos da provincia de Pontevedra afórranse na actualidade un total de 1,5 millóns de euros na xestión de residuos como consecuencia da separación para a reciclaxe e reutilización do 10% do lixo. Así o indicou esta mañá Ana Isabel Vázquez no acto de inauguración do curso da UIMP “A Xestión Sostible dos Residuos Urbanos: beneficios ambientais, económicos e sociais”, no que tamén participaron Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Avaliación e Calidade Ambiental da Xunta; Luis Lamas, presidente de Sogama, e Domingo Bello Janeiro, director da UIMP.

Todos coincidiron en que a xestión sostible dos residuos é un labor que require da plena implicación de todos, polo que marcaron como un dos obxectivos do curso trasladar á cidadanía dúas mensaxes fundamentais: que os residuos son un problema de todos e que é preciso dar un xiro conceptual para pasar a entendelos coma un recurso, isto é, estender a conciencia social de que o lixo que se produce –cando se xestiona ben–, leva consigo beneficios económicos, sociais e ambientais.

Neste sentido Justo de Benito incidiu en que o sector dos residuos xera en España un movemento económico de 5.000 millóns de euros e dá emprego a máis de 140.000 persoas, que poderán acadar as 200.000 se se avanza no camiño marcado pola UE para que en 2020 se reciclen ou reutilicen o 50% dos residuos.

Así, Ana Isabel Vázquez defendeu o modelo de xestión integral no que está a traballar a Deputación con 39 concellos da provincia, asegurando que “é unha das saídas para que, entre todos, logremos un servizo máis sostible desde o punto de vista económico, ambiental e social e, tamén, para que poidamos cumprir con eses obxectivos”.

Asegurou que coa separación que actualmente se fai de vidro, papel e envases pódese acadar unha reciclaxe do 35% do peso total do lixo, polo que “se queremos chegar a ese 50% teremos que ir avanzando tamén na separación para a reciclaxe dos residuos orgánicos”.

Colaboración cidadá e das administracións

A deputada de Pontevedra fixo fincapé en que se ten avanzado moito nos últimos anos, de xeito que a imaxe dos montes e cunetas convertidos en vertedoiros “non é xa a habitual, porque a poboación ten plenamente interiorizado que non son un punto de recollida de lixo”, pero advertiu que “cómpre avanzar nunha segunda fase: é preciso que se estenda a conciencia de que podemos xestionar mellor os residuos que xeramos”.

E esa mellor xestión “é certo que non a poderemos facer sen a implicación real e práctica da cidadanía, pero tamén é unha realidade que desde as administracións temos moito que facer para avanzar neste camiño”, tanto promovendo esa concienciación como, sobre todo,  apostando pola “racionalización do servizo”.

A modo de exemplo, incidiu en que os 39 concellos da provincia integrados no servizo da Deputación contan con 23.512 contedores, máis cá media de España, “pero a miúdo atopámonos que eses contedores poderían estar mellor distribuídos” o que abre a porta a unha racionalización que faga “máis doado o labor de separación dos cidadáns”.

Trátase en definitiva de pasar, tal e como asegurou Justo de Benito, do modelo de xestión unidireccional dos vertedoiros xa caduco á plana implantación dun modelo circular baseado na revalorización dos residuos, en facer que pasen de ser un problema a ser un recurso; aspectos que serán obxecto de debate ó longo dos tres días de duración das xornadas.

2 de xullo de 2013 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.