A provincia de Pontevedra capta novos fondos europeos para a mellora do funcionamento das redes de saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

A Deputación de Pontevedra acaba de captar novos fondos da Unión Europea para o desenvolvemento dun proxecto que busca mellorar o funcionamento das redes de saneamento. Incluído no programa Life-Plus, SANePLAN, como se denomina o proxecto, conta cun orzamento total de preto de 1,6 millóns de euros, dos cales o 50% será achegado pola Unión Europea.

A Administración provincial participa nesta iniciativa xunto a Physis -unha empresa da Toscana (Italia)- e ó Instituto Tecnolóxico de Galicia, sendo o orzamento que lle corresponderá á Deputación de 250.000 euros, dos cales 125.000 proceden de fondos europeos.

Cunha duración de tres anos, SANePLAN ten por obxectivo modelizar e xestionar as redes de saneamento municipais e as correspondentes infraestruturas de depuración de augas.

Con este obxectivo implantarase a modo de plan piloto en catro ou cinco concellos da provincia de Pontevedra e nun ou dous da Toscana.

Porase en marcha un sistema de información nas redes de saneamento e nas instalacións de depuración que permitan contar con datos fiables e exactos para racionalizar os custos de xestión do saneamento, facilitar o dimensionamento das redes e das instalacións de depuración adecuándoas ás necesidades reais de cada área e momento, diagnosticar a capacidade e funcionamento das redes nun momento concreto e valorar cal será o seu comportamento futuro.

Nesta liña, cómpre destacar que é a primeira vez en Europa se pon en marcha un proxecto para modelizar unha rede de saneamento e depuración. Para isto tivéronse en conta as características urbanísticas e as relacionadas con posibles modificacións do escenario inicial como o incremento ou redución da poboación, o cambio climático con maior ou menor pluviosidade e outros parámetros que afectan ás redes.

Esforzo da Deputación

Con este proxecto continúa o esforzo que a Deputación está a realizar desde hai anos para mellorar a eficacia dos servizos básicos dos concellos e, concretamente, do saneamento e abastecemento municipal.

Así, SANePLAN súmase ó proxecto WIZ, incluído tamén no programa Life e que se está a aplicar a redes de abastecemento de auga. WIZ xa foi implantado con éxito en Baiona e agora estase aplicando tamén en Vilagarcía de Arousa.

O obxectivo agora é pechar o ciclo integral da auga, sumando ó traballo feito en materia de abastecemento e potabilización con WIZ o que se fará con SANePLAN no marco do saneamento.

5 de xullo de 2013 | 22:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.