A baixada do paro en Pontevedra mostra signos e tendencias positivas aínda que a cifra global segue a ser preocupante
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, salientou hoxe que a provincia de Pontevedra foi na que máis baixou o paro en Galicia, concretamente 4.536 parados menos en xuño respecto ó mes de maio anterior (un 4,05% menos).
Louzán, que dixo que os datos “aínda non son para botar as campás a voar”, subliñou que, con todo, mostran “signos e tendencias positivas” tanto a nivel estatal coma galego ou provincial, xa que é o cuarto mes consecutivo no que o paro baixa.
Isto, asegurou o presidente da Deputación, “é un estímulo para seguir loitando contra o que, sen dúbida, é o gran problema para as familias e a sociedade e que, malia a incuestionable mellora destes últimos meses, mantén uns datos que aínda nos teñen que ter preocupados”.
Rafael Louzán fixo estas valoracións despois de coñecer os datos do paro no mes de xuño feitos públicos hoxe polo Ministerio de Emprego. En España baixou en 127.248 persoas, quedando unha cifra absoluta de 4,7 millóns de parados. En Galicia, que foi a cuarta comunidade onde maior baixa houbo, por detrás de Cataluña, Madrid e Andalucía, o paro baixou en 10.542 persoas (3,68% menos que maio), quedando en 273.434 desempregados.
A provincia de Pontevedra liderou a baixada do paro en Galicia, con 4.536 desempregados menos que en maio, seguida da Coruña (3.780), Ourense (1.260) e Lugo (876).
“Unha tendencia clara”
Louzán subliñou que estes datos da provincia “son moi reveladores, pois non é algo propio da tempada estival senón que se ve unha tendencia clara: este mes de xuño a baixa do paro case duplica a dos meses de xuño de anos anteriores”.
Explicou que “en xuño do 2009 a baixada do paro foi de 2.556 persoas; a de 2010 de 3.547; a de 2011, de 2.221; a de 2012 de 2.664 e en xuño de 2013 foi de 4.536, case o dobre que noutros anos”.
Colectivos sen emprego anterior, servizos e industria
Na súa declaración, o presidente da Deputación de Pontevedra destacou os sectores onde máis baixou a cifra de parados na provincia, “no colectivo sen emprego anterior foron 294 os que deixaron as listas do INEM; na industria foron 519 parados menos; na construción 493; na agricultura 163 e, loxicamente, no sector servizos 3.067 parados menos”.
Louzán concluíu afirmando que “a loita contra o paro e a reactivación da economía é unha prioridade para a Deputación e, por iso, a maioría dos nosos programas van nesta liña”.
A modo de exemplo, citou os preto de 500 mozos titulados universitarios sen emprego anterior contratados ó abeiro do Plan de práctica laboral. Un plan, asegurou Louzán, que está a dar unha oportunidade de emprego, precisamente, a esas persoas que non tiveron ocasión de traballar ata o de agora e boa parte dos cales comezaron a traballar este mesmo mes de xuño.











