Sometido a información pública o expediente de expropiación para as obras de mellora e ensanche dos accesos a Chenlo
O expediente de expropiación para as obras de mellora e ensanche da estrada de acceso a Chenlo poderá consultarse nas dependencias do Servizo de Infraestruturas da Deputación nos próximos quince días hábiles.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a listaxe de propietarios e bens afectados pola execución destes traballos, así como o inicio do trámite de información pública do correspondente expediente de expropiación co obxectivo de que os afectados poidan presentar as alegacións que consideren oportunas.
Tal e como se recolle no BOP, as obras afectaranlle a un total de 14 parcelas, que suman 1.107 metros cadrados. Os bens afectados son 26 plantas ornamentais; 32 metros lineais de bordo; 32 metros cadrados de alpendre de chapa; 5 postes de pedra; tres portais de chapa; dous muros dun total de 54,5 metros lineais; 13,5 metros lineais dun alpendre de pedra; dúas árbores para madeira; 75 metros cadrados de emparrados; e 25 cepas.
Actuación en dúas zonas
As obras suporán o ensanche da estrada EP-2404 en dúas zonas poboadas onde a estrada presenta un ancho insuficiente e é preciso acondicionala para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico.
A maior parte do trazado da estrada conta cun ancho suficiente, posto que se corresponde cos tramos interurbanos que xa foron acondicionados, polo que agora é preciso actuar nos treitos urbanos para homoxeneizar a sección en toda a estrada.
Ademais das obras de ensanche procederase tamén á sinalización vertical e horizontal e á colocación de balizamento e defensas.
O proxecto de mellora conta cun orzamento de 336.328,88 euros, dos cales 25.907,18 serán destinados ás expropiacións.











