O Museo de Pontevedra acolle a exposición “Lúa azul” do escultor Manolo Paz a partir do 5 de xullo
O artista presenta obras que recordan a vistas aéreas e tamén a algún glaciar, ó cosmos ou ó mar, sempre presente. En Lúa Azul, obra que dá nome á exposición, descobre a plenitude do granito, respectando sempre as súas calidades; astro que paradoxalmente non é desa cor, senón que se denomina así á segunda lúa chea ocorrida durante un mesmo mes do calendario gregoriano. Por outra banda, Manolo Paz fai unha metáfora perfecta das paisaxes mariñas a través da lúa, que afecta a mareas e natureza, nuns mares de pedra nos que a unión coa poesía están máis ca presentes. Como elemento místico, a luz do afastado que se reflicte de forma suave nas esculturas mentres a cor e as formas transmiten tranquilidade.
Tamén presenta unha serie de traballos site-specific que poden verse desde dentro e fóra do Museo, como as representacións plásticas das bateas de mexillóns que están situadas nos espazos de entrada ás salas de exposición. A mostra complétase con obras moi representativas da súa traxectoria como Colmeas, Terra e aire realizada con pedra de Benisalem; Catro Estacións, un dos seus traballos máis singulares e cun sentido cromático de especial interese; ou Debuxando no aire, obra que se pode ver no exterior do Museo, na que o baleiro cobra un gran protagonismo. En palabras de David Barro, comisario da exposición, “Manolo Paz esculpe como se expresa. A mensaxe é directa, esencial, simple, pero cun trazo definitivo. O artista observa e deambula ó redor da peza buscando a súa relación co espazo e a pedra proxecta moitas posibilidades como se ó acariciala brotara un sentimento imposible de expresar”.
A exposición complétase cun libro retrospectivo onde se recollen as obras máis representativas da traxectoria do artista seguidas de textos claves de teóricos que acompañan o seu traballo e dun ensaio inédito do comisario da mostra.
Artista con traxectoria
Cómpre recordar que a institución provincial distinguiu a traxectoria artística do escultor cambadés Manolo Paz co Premio Deputación 2011 na categoría de cultura e arte. Con esta distinción, a Deputación quixo galardoar a contribución de Manolo Paz á proxección nacional e internacional da arte galega.
Paz naceu en 1957 en Castrelo, Cambados, no seo dunha familia humilde e traballadora que atendía negocios de carnicería e do campo. Alí, na casa familiar, iniciou a súa paixón pola escultura a través das tallas de madeira que realizaba coa súa navalla. Entre 1978 e 1979 estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. As súas primeiras exposicións públicas teñen lugar en 1979. En 1980 comezou a traballar como profesor de escultura na Escola de Canteiros de Poio, actividade que desenvolvería ata 1990. Desde 1992 a 1994 residiu e traballou en Nova Iorque.
Manolo Paz traballa granito fundamentalmente e tamén madeira e metal. De todos, a pedra é o seu material fetiche.











