Louzán confirma que o centro da Lanzada seguirá dispoñible para novos obradoiros de hostalería
Trinta e seis alumnos recibiron hoxe o seu diploma de cociñeiro, camareiro de restaurante-bar e camareiro de planta despois de finalizar os respectivos cursos do obradoiro “Hostalería do Salnés IV”, impulsado pola Mancomunidade do Salnés e que se desenvolveu nas instalacións da Pousada da Lanzada.
No acto de clausura participaron a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o presidente da Mancomunidade, Gonzalo Durán; e o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, que destacaron o éxito destes obradoiros que xa acadan a cuarta edición.
Nesta liña, Rafael Louzán salientou a compatibilidade absoluta entre o uso do centro da Lanzada como aloxamento no marco do programa “Pousadas do Salnés” e como aula de formación para os obradoiros de hostalería, asegurando que estas instalacións estarán dispoñibles para próximas edicións desta iniciativa de emprego que a Mancomunidade xa volveu solicitar.
Louzán fixo fincapé no extraordinario marco en que se desenvolve este obradoiro de emprego e na súa idoneidade, dado que se trata “da comarca máis turística de Galicia” e, en consecuencia, dunha área na que se precisa de persoal ben formado para seguir apostando por un turismo de calidade.
O presidente da Deputación deu os parabéns a alumnos e profesores e amosou o seu desexo de que esta iniciativa teña continuidade en anos vindeiros, co obxectivo de darlles unha oportunidade de formación cada día a máis persoas.
Formación completa
Os 36 alumnos que participaron nesta 4ª edición do obradoiro de emprego fixérono nas disciplinas de cociña, con 12 alumnos; camareiro de restaurante bar, con outros 12, e camareiro de planta, con outros 12.
Cunha duración de 6 meses e 8 horas diarias de aulas, os alumnos recibiron formación teórica e práctica en cada unha das especialidades e tamén aulas de orientación laboral, iniciación á informática, idiomas, prevención de riscos laborais, sensibilización de xénero, concienciación ambiental e manipulación de alimentos, entre outras materias transversais.











