Louzán anima ós alcaldes a apostar pola eficiencia enerxética para “reducir o custo que supón o mantemento dos edificios municipais”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, animou esta tarde ós alcaldes da provincia a apostar pola eficiencia enerxética para reducir o consumo “e, en consecuencia, o custo que cada día nos supón manter os edificios municipais”.

Na presentación das xornadas que a Administración provincial pon en marcha para formar a técnicos municipais nos procedementos de certificación enerxética, Louzán lembrou que os estudos do INEGA indican que o gasto medio que os concellos da provincia realizan en enerxía ascende a 13 € por habitante e ano, o 6,8% do orzamento dedicado a bens e servizos. Unha cifra, dixo, elevada e que pode reducirse notablemente con medidas de aforro enerxético “para contar con edificios máis sostibles, en beneficio tanto das arcas públicas coma do medio ambiente”.

Ante un auditorio conformado por 120 persoas, entre rexedores e técnicos municipais, Louzán lembrou que o 40% da enerxía que se consome en España se gasta nos edificios e que, precisamente, son os edificios públicos os que teñen un consumo máis elevado.

Por iso, e tendo en conta que nos 62 concellos da provincia hai un total de 693 edificios públicos de distinto tipo, incidiu en que a certificación enerxética ten a súa razón de ser non tanto polo simple feito de contar con este certificado, senón, sobre todo, porque marca o camiño para a aplicación de medidas que contribúan a reducir o consumo, facendo así “unha provincia máis eficiente e sustentable económica e ambientalmente”.

Aforro de 100.000 euros nun só centro

Nesta liña, lembrou que a Deputación leva varios anos apostando pola eficiencia enerxética, tanto nas súas propias instalacións como impulsando actuacións que axuden ós concellos a reducir o consumo e, en consecuencia, a factura da enerxía.
Entre estas actuacións figura a renovación das instalacións do Centro Príncipe Felipe (calefacción, luz, gas, auga, caldeiras ou xanelas illantes, entre outros) que permiten un aforro de 100.000 euros anuais, o 30% do total de gasto enerxético que se estaba a realizar.

Louzán destacou tamén os investimentos realizados no propio Pazo provincial na mellora dos sistemas de iluminación e de calefacción e outras actuacións coas que se persegue non só reducir o consumo, senón tamén promover enerxías renovables, como o biogás, para o que se está a construír unha planta na Finca Mouriscade, co obxectivo de converter en enerxía o metano resultante da fermentación do xurro que xera o gando; a utilización de placas solares para abastecer depuradoras, no marco do programa “Ecoredesaneasol”; ou a recollida de aceite doméstico usado que a Deputación realiza para convertelo en biocombustible.

A elas hai que sumar actuacións do proxecto “Retaler II”, como o estudo para avaliar o aforro (en diñeiro e emisións de gases) que os concellos poderían ter coa substitución das caldeiras de gasóleo por outros elementos que empreguen un combustible diferente; ou os programas piloto para un funcionamento máis eficiente das depuradoras nos núcleos rurais e das redes de abastecemento de auga.

“Porque se ser eficientes, tamén desde o punto de vista enerxético, sempre é unha necesidade, en momentos coma o actual convértese xa nunha obriga”, asegurou Louzán.

Cursos de formación

En canto ós cursos, que se desenvolverán en horario de mañá e de tarde na Escola de Canteiros, Louzán destacou que, aínda que non hai un prezo establecido para as certificacións, se se teñen en conta as cifras medias que se están barallando, os 62 concellos da provincia poderían aforrar uns 175.000 euros na certificación dos seus 693 edificios municipais se o documento é expedido polos propios técnicos.

Para que o poidan facer do mellor xeito posible, a Deputación ofreceralles formación sobre o procedemento de certificación, as medidas eficaces para o aforro enerxético e, sobre todo, exercicios prácticos de certificación de edificios existentes.

O curso impartirase na aula de formación da Escola de Canteiros desde o mércores 26 de xuño ata o sábado 29 e terá unha duración de 20 horas, distribuídas en horario de tarde (de 16:00 a 21:00 horas) de mércores a venres, e en horario de mañá o sábado (de 09:00 a 14:00 horas).

26 de xuño de 2013 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.