Ata o domingo pode visitarse unha mostra sobre a Brilat coa que se recoñece o labor e a relevancia que a brigada ten na provincia
O Pazo provincial converterase desde mañá pola tarde e ata o vindeiro domingo en escaparate da Brilat ó acoller nas súas dependencias unha ampla mostra coa que esta unidade militar conmemora o seu aniversario.
A Deputación Provincial quixo sumarse ós actos conmemorativos, dada a relevancia que a Brilat ten tanto para a provincia de Pontevedra como para o conxunto de Galicia.
Con este motivo, mañá xoves, o Salón de Plenos da Deputación acollerá ás 18:00 horas unha conferencia do escritor Lucas Molina, que disertará sobre A Defensa de costa nas Rías Baixas. Con esta conferencia inaugurarase tamén a mostra da Brilat, que conta con tres partes diferenciadas nas que teñen cabida tanto prendas militares como arte relacionada coas misións da brigada e un achegamento ó labor militar en terras afganas.
Así, no vestíbulo do primeiro andar ubicarase a mostra Enredada na miña cabeza, na que se poderá observar un amplo abano de prendas de cabeza actuais das Forzas armadas e da Garda Civil.
Arte en Afganistán
No segundo andar os visitantes poderán contemplar unha mostra do pintor Ferrer-Dalmau que, baixo o título Arte en Afganistán, exporá diversos bosquexos e láminas realizadas con motivo da misión dos militares españois naquel país, cos que compartiu experiencias, así como o cadro A patrulla, que se expón en Pontevedra por primeira vez. Trátase da primeira obra sobre os exércitos actuais elaborada polo pintor e que foi doada ó Ministerio de Defensa a mediados de maio para ser exposto no Museo do Exército.
Xunto a esta mostra os visitantes poderán contemplar a titulada A Brilat en Afganistán, na que se recolle distinto material e información sobre o labor realizado polos militares da unidade pontevedresa en terras afganas.
A mostra estará aberta o venres, o sábado e o domingo de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, co obxectivo de que poida visitala o maior número de persoas posible.
Recoñecemento
A Deputación Provincial agarda que sexan moitos os pontevedreses e visitantes que se acheguen ata o Pazo provincial, dado o arraigo que a Brilat ten nesta cidade e en Galicia e o notable papel de dinamizador económico e social que exerce na comarca.
Cómpre lembrar que ó labor de defensa e cooperación que a brigada exerce tanto en España como nas súas misións internacionais hai que sumarlle a incidencia directa sobre a poboación na que se asenta. A brigada conta na actualidade con máis de 2.500 efectivos que xeran un movemento económico na cidade estimado en 40 millóns de euros.











