Amortízase a débeda por 24,9 millóns de euros e destínanse 15 a investimentos nos concellos e 7 para un novo Plan de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

Un novo Plan de emprego, dotado con 7 millóns de euros; o destino de 15 millóns de euros para o Plan de investimentos (PID) do ano 2013 e a amortización da débeda, por valor de 24,9 millóns de euros, foron as tres novas iniciativas de investimento e emprego presentadas hoxe en rolda de prensa polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e polo vicepresidente económico, José Manuel Figueroa.

As tres iniciativas, segundo explicou Louzán, están incluídas na modificación de créditos que mañá aprobará o Pleno da Corporación.

No capítulo do emprego Louzán salientou que, este ano, a Deputación de Pontevedra xerará 3.370 postos de traballo a través de diversos plans e para o que se destinarán un total de 20 millóns de euros.

Eses plans son, dunha banda, os relativos á contratación, cun custo de 3,5 millóns de euros, de 500 bolseiros sen experiencia laboral previa para combater o paro xuvenil e satisfacer as necesidades das distintas administración locais. Tamén a contratación de 720 operarios (12 por concello) non cualificados e parados para desenvolver traballos municipais (limpeza de praias, servizos, etc.). Así mesmo, a ocupación doutros 150 operarios, financiados con convenios coa Xunta. E, finalmente, os que se derivarán do novo Plan de emprego que, dotado con 7 millóns, será aprobado mañá no Pleno e que, segundo dixo Louzán “terá carácter innovador”.

“En total, durante o ano 2013, a Deputación xerará a contratación directa de 3.370 traballadores por seis meses ou un ano a través duns plans que teñen unha contía de 20 millóns de euros e sen contar as contratacións indirectas que as 250 empresas que desenvolven obras do PID 2012 levan a cabo”, resumiu Louzán.

Na súa comparecencia Louzán anunciou tamén a aprobación do Plan de investimentos (PID) para o ano 2013 por 15 millóns de euros para infraestruturas básicas nos concellos. Lembrou, amais, que os traballos do PID 2012, dotado con 18 millóns e dos que son adxudicatarias 250 empresas, están saíndo a licitación estes días.

Respecto da amortización da débeda, o presidente da Deputación explicou que, este ano, a institución provincial amortizará 24,9 millóns de euros “15 xa previstos nos orzamentos e 9 máis incluídos na modificación de créditos que mañá se aproba”.

Louzán, que reiterou que a débeda da Deputación será de “cero euros” no horizonte do 2018, afirmou que “no ano 2010, a débeda da Deputación era do 101% sobre o orzamento de ingresos e agora, a 31 de decembro de 2013, será do 48%: baixamos 53 puntos en só tres anos”. Explicou que, neste período de tempo, a Deputación de Pontevedra non acudiu a préstamos e destacou que “con esta amortización extra, a débeda quedará a finais do 2013 en 68 millóns (o 48%) e o aforro neto dos próximos exercicios aumentará en 3,1 millóns de euros”.

Desde o ano 2008 a institución provincial pontevedresa leva amortizados 65,9 millóns: 2 no 2008; 9 no 2009; 11 no 2010; 19 no 2012; e 24,9 este ano de 2013.

Para Louzán, estas medidas, incluídas na modificación de créditos de mañá, seguen a liña de actuación fixada polo goberno provincial en canto a rigor orzamentario e austeridade (que suprimiu sete organismos autónomos, paga a 20 días, reduciu persoal eventual e número de traballadores, entre outras medidas), en canto ó reforzo de cooperación cos concellos, “de nada valería a austeridade se non vai acompañada de medidas orientadas a dar resposta a problemas e demandas dos cidadáns e sentar as bases para o crecemento e o impulso do benestar social” dixo, e de compromiso social “pois mantivemos o gasto social e o apoio a asociacións e colectivos sen deixar de emprender iniciativas novidosas para impulsar o crecemento e o emprego”, concluíu.

27 de xuño de 2013 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.