Aberto o prazo de inscrición para participar no programa diúrno de balnearios “Coidarte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

Os interesados en participar no programa diúrno de balnearios “Coidarte” poden xa presentar as súas solicitudes, ben nos concellos, ben no Rexistro da Deputación. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases deste programa que ten como obxectivo que persoas maiores de 50 anos, pensionistas ou coidadores de dependentes que precisan de respiro familiar, poidan gozar duns días de descanso e lecer en instalacións dedicadas ás terapias con auga na provincia.

O programa inclúe actividades encamiñadas a mellorar tanto a súa calidade de vida e envellecemento activo como a fomentar as relacións sociais.

Nesta ocasión convócanse un total de 5.528 prazas e ofertaranse cando menos catro centros de balneoterapia e talasoterapia que os beneficiarios poderán elixir en función das súas preferencias.

As bases do programa recollen que a Administración provincial destinará para esta actividade un total de 193.500 euros, a razón de 35 euros por beneficiario. Pola súa banda, os concellos que decidan adherirse ó programa deberán subvencionar con outros 10 euros cada praza, co obxectivo de reducir ó máximo o prezo que abonen os beneficiarios.

As persoas que desexen participar neste programa e que sexan veciños ou veciñas de concellos non adheridos poderán solicitar igualmente a súa participación directamente na Deputación, aínda que neste caso só se beneficiarán da subvención de 35 euros da institución provincial.

26.000 beneficiarios

Desde que en 2006 se puxera en marcha este programa son xa máis de 26.000 as persoas que participaron nel, tendo a ocasión de gozar de 5 tardes, de luns a venres, nun balneario, talaso ou spa da provincia a prezos reducidos e contando, ademais, con transporte de ida e volta entre o seu concello de residencia e o establecemento hoteleiro elixido.

Esta gran acollida do programa é a que animou á Deputación a continuar co desenvolvemento de “Coidarte”, que neste ano incrementa as súas prazas ata as 5.528.

5 de xuño de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.