A Escola Infantil Chupetes, do Centro Príncipe Felipe, abre o prazo de solicitude de ingreso para novos alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

A Escola Infantil Chupetes, do Centro Príncipe Felipe, abriu o prazo de reserva de prazas para novo alumnado. As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o mércores 3 de xullo.

O centro dispón de 114 prazas, das que o 50% quedaron cubertas pola renovación de matrícula dos nenos e nenas que xa están realizando o 1º ou 2º curso do primeiro ciclo de educación infantil neste centro e que renovaron na súa totalidade.

Deste xeito son 67 as prazas que quedan dispoñibles para o alumnado de novo ingreso, distribuídas en 12 prazas para nenos de 0 a 1 anos, 24 para o grupo de 1 a 2 anos e 31 para o grupo de 2 a 3 anos.

Unha vez rematado o prazo de reserva, realizarase o baremo das solicitudes e o 8 de xullo poderase consultar a relación provisional de persoas admitidas e non admitidas na propia Escola Infantil, abríndose a posibilidade de alegacións. A relación definitiva estará a disposición dos interesados no mesmo lugar a partir do luns 15 de xullo.

A formalización da matrícula poderá realizarse entre o 16 de xullo e o 2 de agosto.

Máxima flexibilidade

Este centro, dependente da Deputación Provincial atende a nenos de 0 a 3 anos dando grandes facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral, tanto polo amplo horario coma pola flexibilidade á hora de cambiar a quenda durante o curso.

Así, a un horario moi amplo, de luns a venres de 7:30 a 22:30 horas, súmase o feito de ser unha das poucas escolas infantís que abre de forma ininterrompida os doce meses do ano e a posibilidade de que os nenos e nenas nela matriculados acudan ó centro nas quendas que mellor encaixen cos horarios laborais dos seus proxenitores, podendo varialas sen problema ó longo do curso.

Isto é especialmente relevante para moitos pais e nais que traballan a quendas, que varían segundo días, semanas ou meses. A escola infantil do Príncipe Felipe permite que nestes casos os nenos matriculados nela poidan cambiar do horario de mañá ó tarde e viceversa, tanto por días coma por semanas ou meses.

O centro ofrece unha programación moi completa para atender o desenvolvemento integral dos nenos. Neste sentido no curso actual puxéronse en marcha actividades orientadas á familiarización co inglés cuns resultados moi positivos.

A escola dispón de dúas aulas de 0 a 1 anos, tres para o alumnado de 1 a 2 anos e outras tres para os de 2 a 3 anos. Así mesmo, dispón dun servizo médico de urxencia no propio centro e dun servizo de comedor con posibilidade de almorzo, xantar, merenda e cea.

12 de xuño de 2013 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.