A Deputación reforza a súa aposta pola prolongación da A-57 no tramo Pilarteiros-Barro para unila coa AP-9 no enlace de Curro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

A Deputación de Pontevedra reafirma a súa aposta pola alternativa da A-57 no treito Pilarteiros-Barro, que permitiría conectala coa AP-9 no enlace de Curro.

Tras analizar o estudo informativo sometido a información pública polo Ministerio de Fomento e no que se definen cinco alternativas, a Administración provincial determina que a opción prioritaria para garantir as mellores comunicacións na provincia e a conexión entre as principais vías existentes nesta zona sería a coñecida como Alternativa-5.

Desta forma, nun informe aprobado pola Xunta de Goberno, recoméndase elixir este trazado e que o enlace da A-57 no treito Pilarteiros-Barro se faga a través dun nexo común no que o tronco da A-57 se una co da Autovía do Salnés (AG-57), formando un enlace coa AP-9 na vía de dobre carril que comunica a AG-57 e o enlace de Curro.

Asemade, o informe incide en que é preciso establecer unha boa conexión coa N-550 e habilitar un enlace coa estrada xeral PO-531 para así formar un eixe de comunicacións que contribuiría de forma moi relevante á vertebración da provincia e, especialmente, das comarcas do centro.

A opción defendida pola Deputación coincide coa que defenden os concellos de Barro e Pontevedra e a propia Xunta de Galicia, xa que todos a consideran máis acorde coas necesidades do país que a proposta polo Ministerio (denominada CO-3).

Neste sentido, o informe provincial destaca que a Alternativa-5 coincide nun 80% coa proposta por Fomento e coa vantaxe engadida sobre esta de permitir unha conexión moito mellor coas distintas vías que conflúen en Curro e, en consecuencia, un mellor reparto do tráfico.

A proposta da Deputación de modificar o treito final da estrada significaría mellorar a conexión coa AP-9 e a Autovía do Salnés e, ademais, minimizaría a afección da Alternativa-5 na zona máis afectada, que é a do polígono industrial Outeda-Curro.

Eivas en estradas provinciais

O informe da Deputación recolle tamén as eivas da A-57 no citado treito Pilarteiros-Barro sobre as estradas de titularidade provincial, que serían a EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira, que se solucionaría cun paso baixo autovía; a EP-0011 Gato Morto-Pontillón do Castro, solucionado cun paso sobre autovía; e a EP-0508 Curro-San Amaro, que se sortearía cun viaduto.

Neste sentido, a Deputación incide en que no caso dos pasos baixo autovía é imprescindible que se definan os gálibos, que só aparecen definidos no proxecto de Fomento para os pasos de tipo pérgola cun gálibo de 5,30 metros. No caso dos pasos de taboleiro con viga prefabricada (por exemplo o que levaría a EP-0018), a Deputación solicita que se definan gálibos dun mínimo de 5,25 metros.

A maiores, o informe aprobado pola Xunta de Goberno establece que no caso de que se execute a alternativa proposta pola Deputación e non a definida no informe do Ministerio, habería un cruzamento da A-57 coa EP-0506 entre Curro e Portela, que se resolvería cun paso baixo autovía tal e como xa recollen as alternativas C-5 e C-6.

4 de xuño de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.