A Consellería de Cultura participa na inauguración da XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón
A directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, inaugurou no serán de hoxe a XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que se celebra no concello lugués nos días de hoxe e mañá. A responsable do departamento de Patrimonio definiu ao evento como “unha cita consolidada tras dúas décadas de existencia, fundamental para a promoción cultural e turística, non só dentro do propio concello, senón do conxunto dese espazo privilexiado coñecido xa por todos como a Ribeira Sacra”. A XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón súmase á celebración das XXVI Xornadas da Rota do Románico que teñen lugar no concello lucense ata finais de xuño.
No acto enmarcado na inauguración da mostra que desenrolará os seus actos centrais nesta fin de semana, a directora xeral asegurou que “os caldos da Ribeira Sacra son parte fundamental da vida, da cultura e da economía municipal”. “Neste sentido, débese recoñecer o gran traballo tanto do empresario emprendedor, do talento da hostalaría como das persoas que dedican a súa vida e ilusión ao coidado constante da uva e dos viñedos”, engadiu.
Martínez Insua gabou ás terras de Pantón, que vén celebrando durante vinte anos esta importante festa, ao describilo como “un fermoso concello regado e protexido polo Miño, o Cabe e o Sil que configuran unha panorámica de singular beleza”. Do mesmo xeito, a directora xeral sinalou a idoneidade desta celebración xa que “o viño é, aquí, en Pantón, cultura e vida”.
Contra o final das súas verbas, a responsable do Patrimonio Cultural quixo felicitar ao alcalde e ao concello “por converter a Pantón, durante uns días, no centro da Ribeira Sacra, punto de encontro para os visitantes”.
Programa
A XX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón ten o seu xermolo este ano nun curso de cata de viños que tivo lugar no Edificio Sociocultural os días 28 e 29 de maio. O programa da fin de semana deu comezo esta mañá coa XIII Carreira Popular Rota do Románico, para continuar cos tradicionais festexos.
As actividades desta fin de semana únense as que desde o 23 de maio se veñen realizando co gallo das XXVI Xornadas da Rota do Románico que, se prolongarán ara o próximo 30 de xuño.
A primeira edición da Mostra de Viños da Ribeira Sacra data de 1993 cando foi celebrada para dar a coñecer os viños da zona de Ribeiras do Miño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Dende aquela a feira traspasa fronteiras ano trás ano e chegar a venderse en diversos países de Europa así como en Latinoamérica e Estados Unidos.