publicidade hoxe

Navia de Suarna reúne un congreso de prensa especializada en turismo de natureza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocalNavia de Suarna
A-
A+

A casa consistorial de Navia de Suarna acolle esta fin de semana un encontro con xornalistas especializados en temas de caza, pesca, medio ambiente e turismo rural e de aventura. Ao acto inaugural do encontro asistiu a xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti. Trátase da edición número XXI deste evento que se celebra este ano no corazón dos Ancares. Segundo dixo a xerente de Turgalicia, a itinerancia anual facilita aos asistentes a posibilidade de coñecer cada ano un destino e concretamente este destino conta con algunhas das concentracións poboacionais máis singulares da montaña lucense. Permite adentrarse nas aldeas  e apreciar a súa riqueza natural, paisaxística, as súa arquitectura e construcións populares, así como as súas enraizadas costumes.

“Pódense visitar mostras únicas do patrimonio relixioso e disfrutar da magnífica gastronomía da montaña. Os Ancares son Reserva da Biosfera en Galicia e Castela e León e ademais son ZEPA e Reserva Nacional de Caza, así como zona de Especial Protección do Oso Pardo”, comentou Pita.

Do mesmo xeito, Carmen Pita recalcou a importancia da formación como piar fundamental do desenvolvemento dun país e do desenvolvemento dun sector como o turístico, en constante actualización e cambio. “A contribución do Club Periodipesca á posta en marcha de iniciativas formativas dirixidas á comunicación especializada ten sido moi relevante , tanto para o afondamento no coñecemento do sector como pola súa contribución á sostenibilidade ambiental e á posta en valor turística do destino Galicia”. recalcou. E engadiu que tanto a aposta pola formación como a preservación da sostenibilidade ambiental constitúen “elementos imprescindibles no proceso de construción dun futuro máis próspero”.

A xerente de Turgalicia tamén explicou que iniciativas como o encontro de Periodipesca axudan, non só a transmitir o saber sobre a posta en valor dun territorio como destino turístico, senón tamén a descubrir novas potencialidades e incentivar a creatividade na posta en marcha de novas iniciativas que redunden no desenvolvemento dun territorio. Ademais, dixo, axudan a ter en conta a importancia da preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial como elemento distintivo e como factor de diferenciación dun destino, para facelo forte e competitivo no mercado global.

Durante o acto inaugural Carmen Pita explicou que ten que existir unha conciliación entre o que significa aproveitar turísticamente un territorio e preservar o medio ambiente do mesmo, “temos que cambiar explotar por aproveitar”. Ademais, o desenvolvemento sostible do  turismo fai posible responder a uns visitantes cada vez máis esixentes e procedentes de contornos moi variados. O feito de desenvolver sostiblemente un territorio turístico non implica que a empresa turística vexa reducidos os seus beneficios, senón que desencadea factores positivos que crean sinerxias no tocante a incremento de negocio e  proxección de novos mercados.

29 de abril de 2013 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.