Medio Ambiente asina a aprobación definitiva do PXOM de Xunqueira de Espadanedo
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense. Hernández aproveitou a súa visita de hoxe a este municipio para asinar e entregar ao alcalde a orde de aprobación, paso que culmina as tarefas de redacción e converte a este concello no sétimo en contar cun planeamento aprobado no que vai de lexislatura.
Agustín Hernández concretou que se trata dun planeamento proteccionista, que establece que máis do 94 % da súa superficie estea protexida ben a través de protección especial ou ordinaria, o que conleva preservar os valores naturais, ecolóxicos e as áreas de interese, definindo as necesarias proteccións específicas para cada unha delas.
Así mesmo, subliñou que o 4,32 % da superficie queda definida como solo de núcleo rural, o que implica ordenar e recoñecer os asentamentos tradicionais. Poténciase Espadanedo como núcleo rural capital e o desenvolvemento dos restantes 12 núcleos rurais (vivenda de baixa densidade), propiciando a ubicación das novas vivendas nestes núcleos para colmatalos.
O responsable de Medio Ambiente da Xunta de Galicia indicou que o documento asinado hoxe desiste de novos asentamentos e aposta polos núcleos tradicionais existentes.
Para rematar o 1,05% da superficie é de solo urbanizable, cunha previsión de futuro para o desenvolvemento produtivo e industrial. Cabe ter en conta as boas comunicacións coa comarca e a vocación da cerámica no concello.
SOLO |
SUPERFICIE |
% |
TOTAL CONCELLO |
27,75 km2 |
100% |
SOLO RÚSTICO |
26,26 km2 |
94,63 % |
Especial protección |
25,89 km2 |
93,30 % |
Protección ordinaria |
0,37 km2 |
1,33 % |
SOLO DE NÚCLEO RURAL |
1,20 km2 |
4,32 % |
SOLO URBANIZABLE Urbanizable non delimitado |
0,29 km2 |
1,05 % |
Este planeamento urbanístico, que rexerá o deseño de Xunqueira de Espadanedo durante a vindeira década, prevé 332 novas vivendas nos 13 núcleos rurais repartidos en catro parroquias. O plan recolle 29.025 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes e máis de 15.000 para equipamento comunitario, unha cifra superior ao esixido pola lei, concretamente un 65,66% máis.
Ademais, haberá un ámbito de solo urbanizable non delimitado de tipo industrial (SUND-I.1) de 290.000 m2, que recolle empresas xa existentes e atópase na confluencia de tres parroquias: Niñodaguia, Ramil e Xunqueira.
O PXOM de Xunqueira de Espadanedo fai o número 24 dos plans adaptados á LOUG na provincia de Ourense, co que o 26% dos concellos desta provincia xa teñen o seu planeamento actualizado. A Xunta aportou ao concello preto de 85.000 euros en axudas para redactar o seu planeamento.
Impulso dos PXOM
A Consellería de Medio Ambiente está a impulsar a tramitación eficiente dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos. O Goberno galego aprobou na pasada lexislatura dúas ordes, por un importe total de 13 millóns de euros, destinadas unicamente á tramitación de plans xerais.
Trátase do sétimo PXOM que se aproba de xeito definitivo nesta lexislatura e xa son 68 os concellos que teñen planeamento adaptado á lei vixente.
Ata o de agora, este municipio rexíase por Normas Subsidarias de Planeamento do ano 1991. O Concello conta cunha superficie de 27,75 km2e unha poboación de case 900 habitantes
Hernández sinalou que co fin de seguir na liña de apoio financeiro, técnico e de asesoramento en materia urbanística, ofreceráselles aos concellos de menos de 5.000 habitantes a posibilidade de que a Xunta de Galicia asuma a redacción dun plan básico de ordenación municipal. Esta colaboración suplirá as carencias técnicas, humanas ou económicas que lle impidan ás pequenas administracións locais dotarse desta figura para ordenar e xestionar o seu territorio.