publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta remite ao Concello da Pobra de Trives o informe previo á aprobación inicial do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra de TrivesGaliciaLocal
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de emitir o informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello da Pobra de Trives, na provincia de Ourense. Neste documento indícanse as correccións que o municipio ourensán debe introducir no PXOM antes da súa aprobación inicial polo Pleno municipal.

O Concello da Pobra de Trives conta cun elevado patrimonio natural, paisaxístico e ecolóxico. Máis do 50% da súa superficie é considerada no Plan Xeral, solo rústico de especial protección de espazos naturais. Conforme ás Directrices de Ordenación do Territorio correspóndese cun dos núcleos interiores vinculados ao patrimonio rural, aos agrosistemas rurais tradicionais ou integrados dentro de áreas protexidas, cuxo obxectivo prioritario será paliar o abandono de núcleos cunhas medidas que favorezan a súa promoción socioeconómica e  rehabilitación urbana do seu patrimonio.

Na última década o Concello experimentou unha regresión demográfica, contando con 2.388 habitantes, cunha dinámica tendente a concentrar a poboación municipal no núcleo urbano de A Pobra de Trives con 1.461 habitantes no 2011. Estímase en 2.080 o número de vivendas existentes. O PXOM proxecta unha capacidade residencial total en 4.261 vivendas (3.945 delas en solo urbano e urbanizable) para o horizonte temporal de 20 anos, é dicir, 2.181 vivendas novas (máis de 100 vivendas/ano).

Modelo de ordenación

O plan está vinculado xerarquicamente ás determinacións do proxecto sectorial do Parque empresarial de Pobra de Trives aprobado definitivamente (DOG 11/04/2008), e deberase adaptar ao seu contido conforme o disposto no art.11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

A Xunta explica que deberá achegarse xustificación sobre a suficiencia das infraestruturas de abastecemento, saneamento, e xestión da auga para os novos desenvolvementos urbanísticos.

O plan xeral debe establecer unha reserva mínima de edificabilidade para uso comercial nos solos urbanizables e urbanos non consolidados nos que se prevexan usos residenciais, conforme o art.27.3 da lei 13/2010, de comercio interior.

O Concello deberá corrixir un equívoco na suma da superficie de solo rústico e que deriva nun erro na superficie total do municipio. Entre os planos de ordenación, non consta o plano de usos globais previstos para os distintos tipos e categorías de solo.

As infraestruturas e servizos sinalados na memoria xustificativa como sistema xeral de equipamentos (punto limpo, heliporto…) deben ser cualificadas como sistema xeral de infraestruturas, e tampouco computan os sistemas xerais de servizos urbanos. Consideraranse as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) e as de tratamento de auga potable (ETAP) cualificadas como sistema xeral de infraestruturas; e unha depuradora de titularidade privada non se considera un equipamento.

Antecedentes

O Concello da Pobra de Trives dispón na actualidade dunhas Normas Subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Superior de Urbanismo o 12/07/1994. En decembro de 2008 o Concello contratou a redacción dun PXOM que conta cunha axuda por parte da Xunta de preto de 130.000 euros.

Dende entón, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu en agosto de 2011, o documento de referencia para a Avaliación Ambiental Estratéxica do PXOM. Consta declaración de supramunicipalidade do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 5/01/2012).

O termo municipal está afectado polo proxecto sectorial para o Parque empresarial de Pobra de Trives (Aprobación Definitiva DOG 11/04/2008).

1 de abril de 2013 | 15:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.