A Xunta publica a inclusión de Pantón na Axencia de Protección da Legalidade
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o convenio de adhesión do Concello de Pantón á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. En virtude deste texto, o municipio de Pantón delega na APLU o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunhas das seguintes clases de solo: rústico e urbanizable, mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.
A APLU é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo, e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.
Ingresos compartidos
Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 por cento restante ao concello.
A Axencia exercerá estas responsabilidades dende mañá, é dicir, ao día seguinte ao da publicación do convenio no DOG e considérase que a vixencia do convenio será indefinida. Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.
Por outra banda, cabe sinalar que a resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos emitidos pola Axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderá ao Concello.
Por último, o Concello debe prestar a cooperación e asistencia activa que o organismo autonómico solicite, co fin de levar a cabo un eficaz exercicio das súas competencias; terá tamén que facilitarlle ao persoal da axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; e contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos que establece o citado convenio de adhesión.