publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Policía Autonómica de Lugo liberan a sete cabalos inmobilizados con “trancas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbadínGaliciaLocalMondoñedo
A-
A+
Tranca nun dos equinos

Tranca nun dos equinos

Axentes da Policía Autonómica de Lugo liberaron a sete cabalos inmobilizados con “trancas” nos montes de Abadín e Mondoñedo e abriron un expediente sancionador contra os seus propietarios por maltrato animal.

A normativa legal esixe aos coidadores que non se ocasionen aos animais dores, sufrimentos e danos inútiles, e fixa sancións para aqueles que o fagan que poden chegar aos 6.000 euros.

As trancas son pezas de madeira alongadas cunha lonxitude que oscila entre os cincuenta centímetros e o metro de longo, cunha abertura nun dos extremos creada para introducir nela un dos pezuños dianteiros do animal. Unha vez feito isto, péchase a abertura cun pasador deixando presa a pata do cabalo.

Ademais deste tipo de tranca, algúns dos equinos liberados pola Policía Autonómica tiñan unha cadea de 80 centímetros de longo e argolas duns 10 centímetros -das que se utilizan nas máquinas rozadoras- colocada nunha das patas dianteiras.

Estes dispositivos utilízanse, principalmente, para impedir que os cabalos escapen e para telos localizados permanentemente e representan un claro exemplo de maltrato animal, xa que ademais de causarlles dor e sufrimento, dificulta a súa mobilidade.

As trancas poden causar graves danos físicos, como chagas, úlceras, deformacións ou coxeiras irreversibles. Ademais, deixan aos cabalos nunha situación de total indefensión ante o ataque de depredadores ou en caso de ter que fuxir dun incendio forestal. Tamén supoñen un perigo cando o animal invade unha estrada; tanto para el como para os condutores.

O verdadeiro problema para acabar con esta práctica de maltrato animal é a localización dos propietarios dos cabalos, que resulta cada vez máis difícil. O auténtico talón de Aquiles deste tipo de investigacións é que o cen por cen dos equinos que teñen colocados estes dispositivos están sen identificar co correspondente microchip.

1 de abril de 2013 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.