publicidade hoxe
Yhadira García presenta o seu novo traballo - Cabecera

Yhadira García presenta o seu novo traballo

1379513_10202220163326426_1803549232_n

Coñecida en Galicia pola súa participación no espazo Recantos do Luar na edición 2010-2011, a fama de Yhadira García increméntase tras participar no popular concurso musical “La Voz”. Non obstante, poucos recordan as súas primeiras aparicións televisivas cando a penas era unha cativa participando en canles nacionais.

Auténtica vocación musical e moito traballo que recollen os seus froitos coa creación dun cd propio que da alento aos actuais concursantes de Recantos para acadar os seus soños. Agradecida á oportunidade que lle prestou, e presta, o programa da TVG recoñece que grazas a el se abriron novas portas na súa vida profesional e persoal.

PA260808

Como comezaches no mundo da música?
Canto desde que era unha cativa, a miña familia sabía que eu me ía dedicar a isto e levo nos escenarios, máis ou menos, dende os 15 anos. Comecei cun grupo en Noia que tocaba nas VBC (vodas, bautizos e comuñóns) e dende aí fun escalando pouco a pouco, logo pasei a un grupo un pouco máis grande… a verdade é que, agora que o recordo, cando tiña 9 aniños fun a un programa de televisión, “Las mañanas de Alicia Senovilla” en Antena 3, onde cantei “Si nos dejan” de Tamara. Esa foi a miña primeira aparición televisiva. Retomando no tempo, con 16 anos foi cando coñecín a DJ Federato e comecei colaboracións con el; a primeira canción que sacamos foi “Sueño contigo” e o segundo tema, creo que o máis coñecido, é “El amor de esa mujer” coa que fomos a gravar o videoclip a Barcelona e o certo é que quedou un vídeo musical moi chulo a conta de Pandemia Films. Xa con 17 anos presenteime a Recantos, naqueles inicios non se distribuía do mesmo xeito que agora, non tiña xurado e funme moi pronto pero Luar doume sempre a oportunidade de volver e grazas ao programa coñecín a Hugo, co que abrín unha porta persoal como parella e tamén unha porta profesional xa que, a parte de cantar, é produtor, compositor… e agora formamos dúo musical.

A primeira aparición televisiva foi en “Las mañanas de Alicia Senovilla” con 9 anos

Con 18 anos presenteime ao programa “La Voz”, colléronme o mesmo día que era o meu aniversario. Pasei e mantívenme en dúas fases, audicións a cegas e batallas, competindo con Paula Rojo que agora é boa amiga e compañeira miña. Actualmente acabo de sacar single, “Eras tú” e a miña porta máis grande como promoción, a parte de Facebook e Twitter, é Luar que me deu a oportunidade de presentala.

A que te dedicabas antes de cantar? Cal era o teu día a día?
Ía ao colexio pero o meu sempre foi cantar, así que sempre participaba nos festivais ou cantaba na clase… e na casa as tarefas tamén cantando, varría cantando, pasaba o ferro cantando, e, como non, duchábame cantando. Unha vida moi normal pero chea de música.

Yhadira-Garcia-7Como foi o paso de estar na casa cantando a mañá saio na TV cantando?
Sempre foi un soño pero nunca cres que se vai facer realidade, non creo que estea no máximo que un artista pode dar, evidentemente fáltanme moitos anos e moita práctica, pero o pequeno salto que din si que me custou asimilalo, sobre todo que a xente te pare na rúa para pedirche fotos.. non asimilas ben que de un día para outro che cambie a vida tanto, agora si, e xa o vou asimilando e o certo é que é incrible.

Fuches a algún concurso máis a parte dos nomeados?
O certo é que si, non é un bo recordo, pero todos temos inicios e temos malas épocas, foi no programa “Tienes talento” no que estaba de xurado Miqui Puig, do que máis me acordo polas cousas que me dixo, que non foron precisamente boas, imaxina, con 14 anos enfrontándote a un teatro cheo de xente onde non sabes nin por onde te tes que oír. Non vou mentir, o certo é que ben non me saíu pero o xurado asañouse comigo e acabei chorando como unha madalena e as cámaras perseguíndome… ese vídeo espero que non o vexa nunca ninguén.

Cal é a túa meta?
Vivir da música, do xeito que sexa, pero vivir da música. Agora mesmo o meu maior proxecto é o disco que estou gravando, que é todo composicións miñas, música e letra, sairá en febreiro e o certo e que na miña vida me podía imaxinar que podería chegar a gravar un disco.

A miña porta máis grande como promoción é Luar

Que supón para ti que a xente saiba quen es?
O principio costa asimilalo pero, a nivel persoal para alimentar o teu ego é fantástico [risas]. A nivel promocional non é o mesmo partir de cero e sacar unha canción que se non te coñecen, é moi difícil chegar á xente. Eu estiven en varios concursos e iso axuda.

Que consello lle darías a alguén que quere ser como ti?
Pelexar moito, traballar moito, presentarse a todos os castings que haxa, porque todo iso é promoción. Non se pode parar ningún día de pelexar porque se paras a xente esquécese de ti e se te esquecen, tes que partir de novo de cero.

Por: Silvia Villanueva Villanueva
Publicado o 31 de Outubro do 2013 | 4:34 p.m.

Outros temas de O Recanto de Silvia