publicidade hoxe
Xosé Vizoso - Cabecera

Xosé Vizoso

De neno bebeu da auga da Fonte Vella, daquela ficou prendado para sempre da maxia do debuxo. Calquera cousiña lle servía para garabatear nun papel. Afiaba o lapis e “voilá”, xurdía un home coa cachimba na boca e co paraugas enganchado por detrás da zamarra (a ensoñación da Feira das San Lucas). E é que a arte (léase a autenticidade), estaba alí, ao seu carón, na paisaxe e na paisanaxe mindoniense.

O seu mestre, o escultor valenciano Juan Puchades, decatouse do talento daquel rapaz que non tiña medios para cumprir o seu soño, estudar Belas Artes, e leu aquel anuncio do Progreso, “precísase persoal para traballar en Sargadelos”.

E con dezaoito anos volveu recuncar na mellor auga da terra, tivo de mestre a Isaac Díaz Pardo; partillou ideas con Luís Seoane e coñeceu a unha morea de artistas que pasaron pola maior industria cultural de Galicia.

Traballou e traballou (probou, investigou, buscou, rebuscou e arriscou) nas estradas da arte, tal vez porque é sabedor de que a inspiración vén do traballo.

Catro décadas dándolle sentido á nada, forma á Vida. El é un dos culpables de que se ves un pratiño de café de Sargadelos, entre cen mil de todo o mundo, o distingas.

Igual que se ves o cartel das festas de Cervo, ou da Festa da Poesía da Estrada, ou o mural no Alto do Furriolo, ou as vidrieiras da súa casa en Brión de Arriba, ou a cuberta do libro de memorias do seu admirado, Luís Tobío, ou as ilustracións das moitas obras do seu amigo Neira Vilas, ou calquera cousiña deste creador, entre cen mil de todo o mundo, sabes que é de el, de Vizoso.

Porque Vizoso é Vizoso. O seu bo quefacer, o seu compromiso estético e ético, a espontaneidade no trazo, a cor impactante, a sinxeleza e a humildade (tamén) das súas creacións (léase da súa vida) preside a súa magna obra que zumega o máis difícil de acadar nun artista, a autenticidade.

O seu uni(verso) creativo cae sobre nós engordiño coma un galano para os sentidos, como as raiolas deste sol do outono colándose cantareiras por entre a néboa do seu Mondoñedo (léase Macondo) natal.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 6 de Decembro do 2014 | 10:54 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"