publicidade hoxe
Xosé María Díaz Castro - Cabecera

Xosé María Díaz Castro

Coma os grandes. Abondou cun poemario, un só, e conseguiuno. Á primeira. Os poemas do guitircense son coma ventos fuxidos, nimbos de lus, fachos de palabras, brasas que alumean o noso mundo, que nos axudan (tal vez) a coñecer o noso “eu” máis profundo, a nosa alma.

O seu uni(verso) creativo, a súa lírica, a súa vida sempre estivo envolta, rodeada, dun nimbo, dunha aureola de lus, de humanidade, de autenticidade, de misticismo, de gloria, de profundo amor a Galicia (“… pan que me deron, leite e centeo e soño e lus de aurora…”)

Son versos que nos fan ollar, sentir, cavilar, amar. “A beleza feriume para sempre”, deixounos ensoñado en Nimbos. Realmente precioso. Velaí o seu grande segredo. Cada palabra (e non sobra ningunha), cada verso (“Todas as pombas fan o meu amor”), cada poema, digo, constitúe, toda unha lección sobre a vida, a morte, o tempo, o amor, Galicia.

Cando lemos o poema “Penélope”, por exemplo, ”Un paso adiante e outro atrás, Galicia//e a tea dos teus soños non se move//A espranza nos teus ollos se espreguiza.//Aran os bois e chove…” ficamos emocionados porque estamos diante dunha das composicións poéticas máis fermosas de cantas se fixeron sobre Galicia.

Díaz Castro decatouse de que as pequenas “cousiñas” da natureza, da existencia, do ser humano son as máis importantes, as imprescindibles da vida. Ten dito que a poesía é a forma máis perfecta de expresión dos seres humanos. Que a beleza e a emoción estética (“Chorar, chorar, mentres o barco rompe contra o solpor, na noite!”) son dous conceptos esenciais. Que mergullarse nun poemario é un gozo insuperable. E eu estou totalmente dacordo. Redescubrir a Xosé María Díaz Castro é redescubrirnos a nós mesmos.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 22 de Febreiro do 2014 | 2:01 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"