publicidade hoxe
Xosé González: “Se non podes competir co que tes ó lado moito menos cos que tes lonxe” - Cabecera

Xosé González: “Se non podes competir co que tes ó lado moito menos cos que tes lonxe”

Xose González

Nun mundo cada vez máis globalizado, chegar a todos os lugares máis que un valor engadido para as empresas é xa unha obrigación. En Galicia temos as ideas, temos a calidade e se nos faltaba o apoio para dar o paso, agora xa non hai escusa. O Polígono Virtual de Galicia ven para encher ese oco e converterse no referente de empresas e autónomos, e por suposto tamén dos clientes.   

Xose González

Nome e apelidos: Xosé González Pérez

Idade: 36 anos

Profesión e cargo: Empresario

Formación: Marketing e Xestión de Empresas na área privada.

Antes de nada Xosé, descríbenos o proxecto. Que é exactamente o Polígono Virtual de Galicia?

O Polígono Virtual de Galicia está formado por profesionais en diferentes ramos que se unen para, empregando a tecnoloxía, axudar ós emprendedores e ás empresas a acadar o éxito. ofrece servizos físicos de asesoramento fiscal, xurídico e económico entre outros, adaptados sempre á necesidade de cada usuario.  A primeira consulta de asesoramento xurídico e fiscal é de balde. e con ela estes profesionais axudan ó usuario a tramitar todo tipo de subvencións, a buscar investimento privado, ofrecen información sobre micro créditos directos ou dos que dependen de institucións e organismos competentes, tamén sobre trámites de constitución de sociedades ou autónomos, e mesmo axudan tamén a realizar as xestións necesarias ante as administracións para apertura de negocios ou actividades asociativas.

E con todos estes servizos como base, como lle explicas a alguén que nos estea lendo agora mesmo e que teña unha empresa, a oportunidade que ten diante? Na práctica en que se materializa?

A razón fundamental para unirse ó Polígono é esa axuda da que falamos. Non só se trata de servizos, senón tamén de axuda e apoio nas fases iniciais en materia administrativa, fiscal, laboral e legal. A maiores, os mellores proxectos contarán cun estudo de viabilidade de balde. Non só o emprendedor precisa axuda, moitas empresas e autónomos que xa teñen os seus negocios en activo foron emprendedores no seu día, por iso o PVG lles axuda a emprender unha nova liña de negocio mediante o uso das novas tecnoloxías e internet. Unha liña que complemente a que xa teñen ou que perfeccione as carencias estruturais dos seus negocios. Somos conscientes de que moitas empresas da nosa comunidade teñen un problema de marketing á hora de vender os seus produtos ou servizos, que por norma xeral son de moita calidade. O Polígono tratará de poñer fin a este problema. Como o vai facer? Pois dotando ás empresas de autosuficiencia e revalorizando un produto ou servizo que xa de por si ten unha máis que segura calidade contrastable.

“Non só o emprendedor precisa axuda, tamén moitas empresas e autónomos xa en activo para iniciar unha nova liña de negocio mediante o uso das novas tecnoloxías e internet”

Un dos valores ós que facedes referencia precisamente é á “ruptura da barreira da desconfianza”, a que vos referides con isto? Porque está claro que a confianza é clave para que unha empresa acade o éxito…

Xose GonzálezO Polígono ofrece aos usuarios activos un certificado de confianza que pode expoñer na súa web e nos seus documentos impresos, Este certificado, na súa parte online,  enlaza coa ficha que o usuario ten no PVG. Pódese solicitar en formato horizontal, vertical e slim. A función do certificado é dotar ás empresas usuarias do polígono dun elemento identificativo que sirva para xerar confianza nos seus clientes e tamén nos seus competidores. En Internet a confianza dun cliente á hora de comprar defínese por pequenos factores, entre eles a credibilidade da web á que acceden. Nalgunhas ocasións o prestixio que unha empresa ten na súa localidade no é facilmente demostrable ante outros colectivos situados en localidades ou mesmo en países diferentes. Co certificado do Polígono Virtual de Galicia, a empresa pode acreditar que un terceiro organismo identificou a existencia do negocio e a actividade que desempeña. É máis, no caso de incidencias demostrables, o propio PVG expulsaría ó usuario e posicionaríase como parte acusadora en calquera proceso delituoso, mala práctica empresarial ou incumprimento de calquera lei en vigor nese momento. Sería expulsado do Polígono e non habería posibilidade de readmisión. 

“No caso de incidencias demostrables, o propio PVG expulsaría ó usuario e posicionaríase como parte acusadora en calquera proceso delituoso”

A nivel servizos, cales ofrecedes? É dicir, que teñen incluído os membros do Polígono?

Independentemente de que o solicitante sexa emprendedor, empresa, autónomo ou entidade, o PVG ofrece; unha tenda virtual para a venta online, unha pasarela de pagos de bancos españois, o certificado do que falabamos, un espacio hosting e dúas contas de email propias, o asesoramento que tamén comentábamos nun principio, e descontos permanentes en servizos de informática, programación e deseño. Ademais de acceso preferente a prazas en foros e congresos.  

Xose GonzálezComo xurde esta iniciativa? Como te decatas desta necesidade e decides poñer en marcha esta idea?

Este punto é simple. Son empresario dende fai anos, creei a miña empresa dende cero, sen axudas nin subvencións. Ó principio foi complexo, xa que no noso país non se apoian as iniciativas diferentes, aínda que se nos queira facer crer outra cousa. O Polígono Virtual de Galicia é a miña resposta a unha demanda de moitos emprendedores e empresas que queren facer cousas e que non saben como facelo nin a onde ir para convertelas en realidade sen necesidade de facer un máster. No PVG teñen todo o que precisan nun único sitio e ó mesmo tempo, os clientes tamén os teñen a todos nun único sitio.

Cal é o perfil das empresas ou proxectos que poderían atopar o seu oco neste proxecto? Que tipo de actividades conforman este Polígono?

De todo tipo, dende parados que capitalizan o paro a empresas exportadoras,  pasando por clubs de fútbol como o Club Deportivo Ourense. As actividades son ocio, alimentación, tecnoloxía, servizos, cosmética, téxtil…. Anécdotas? Por exemplo, un señor de Estremadura que quería comercializar unha raza de lagartos para consumo humano (chámanse lagartos Celiados). Ou unha señora que quería poñer unha webcam nun galiñeiro para que o consumidor puidera ver o proceso dos ovos que merca.

Pode haber lugar para varios sectores ou están todas as empresas moi vinculadas coa tecnoloxía?

O PVG é a nivel global e calquera empresa ou emprendedor pode solicitar o acceso a el, sexa cal sexa a súa localización e sector, sempre que cumpra cos requisitos para estar dentro. O beneficio que obtén a empresa PVG en si (ou os seus colaboradores) é sempre froito de servizos directos ofrecidos ós usuarios do propio polígono. Nunca se solicitan nin se solicitarán subvencións ou fondos públicos para lucro directo ou indirecto, estes sempre serán para investir nos usuarios ou servizos, sendo o seu éxito a nosa mellor fonte de ingreso.

Xose GonzálezE en canto á procedencia destas empresas? Son todas galegas? 

En absoluto, na actualidade hai solicitudes de toda España.

Preto de 400 solicitudes tendes nestes momentos, non? Cantas hai xa materializadas a día de hoxe?

As fases de acceso ó Polígono son tres; solicitude, entrevista e formalización. Na fase de solicitude estamos preto das 400, na de entrevista ó redor das 100/150 e formalizadas unhas 50. Vamos lentos pero é porque a cada entrevista dámoslle o tempo necesario, e moitas delas son emprendedores que están capitalizando paro ou reunindo capital.

E que hai que facer para entrar nese proceso e acabar formando parte do Polígono? E sobre todo, canto custa?

Pois faise a solicitude na web e en poucos días un responsable ponse en contacto co interesado para realizar a entrevista persoal ou telefónica. O custe é de 10€ mensuais.

“Dende un señor que quería comercializar unha raza de lagartos para consumo humano ata unha señora que quería poñer unha webcam nun galiñeiro”

A pesares de tratarse dunha iniciativa privada, tendes un “acordo” co Concello de Amoeiro, non? Como é isto? Explícanos.

Trátase dunha concesión de dous anos. O Concello creou unha Ordenanza Municipal para regulalo, xa que o proxecto é único e non había antecedentes. Cada Concello concesionario, dispón da concesión do Polígono seguido do nome del municipio, nunca é receptor do proxecto no seu ámbito global, excepto que se defina por escrito. O Concello impulsor corre cos custes mínimos (o 15 por cento aproximadamente) do proxecto, unha vez que a ocupación estea completa, o Concello recada eses custes multiplicados “case” por dous. A rendibilidade do proxecto sitúase na ocupación do 50 por cento, polo que superado isto os ingresos adicionais que se xeren pódense destinar a actividades municipais ou ó investimento en fomentar o auto emprego, entre outras. O proxecto creouse para ser rendible para os usuarios e o municipio que o acolle. Está vinculado ó concepto de “Non Migración”, de maneira que pretende colaborar na creación das oportunidades laborais precisas para que os cidadáns non teñan que marchar a outras localidades. A nivel político mantense totalmente á marxe.  

E por que este Concello? Haberá algún motivo máis que o feito de que sexas ourensán, non Xosé? (Risas) Non teriades máis posibilidades nunha cidade grande?

Realmente decantámonos por un concello saneado e cunha cultura emprendedora, que non valore tanto o chan industrial como outros. Non é só cuestión de onde, se non do equipo humano que o conforma. En Amoeiro atopamos un entorno propicio para fraguar un proxecto a longo prazo.

Xose GonzálezPensades amplialo tamén a máis concellos?

Si, de feito estamos buscando concellos sensibilizadores que cando remate o contrato do actual municipio receptor poderían ser novos concesionarios. O de Amoeiro é o actual receptor pero, como dicía antes, non é una concesión indefinida ni exenta de responsabilidades para o concello en materia de fomento do auto emprego e o colectivo do PVG.

Neste caso Xosé, poderiamos dicir aquilo de “a unión fai a forza”, non? O feito de unir esforzos danos valor á hora de saír ó exterior? Hai que superar un pouco a idea de competencia neste senso?

Sen dúbida. O PVG fomenta a competencia sa, baseándose en que se non podes competir co que tes ó lado moito menos cos que tes lonxe. A ficha de cada usuario está en tres idiomas (galego, castelán e inglés), e é o propio usuario quen debe aportar os datos para ela, de feito non se descarta que nun futuro cada usuario poida xestionar as súas fichas de forma independente. O posicionamento web é importante, por iso el PVG actúa como un faro ante as buscas dos internautas. A día de hoxe, só hai que poñer a palabra “Polígono” en Google e xa aparece suxerido o Polígono Virtual de Galicia, e só estamos online dende fai cinco meses.  

Xose GonzálezCales son os teus obxectivos a nivel persoal? Que pretendes conseguir con este proxecto? 

Non acostumo a vincular os meus obxectivos persoais ós empresariais, non obstante si me preguntas cal é o meu obxectivo persoal responderíache que deixar de ser empresario (risas!)  Fai moito que o son e así podería dedicarme máis á miña familia. Pero en relación ó obxectivo do proxecto, eu véxoo en colectivo, se moitas empresas e emprendedores se suman ó proxecto poderase converter nun motor real de comercio. Un motor que ó non depender das administracións podería acadar unha independencia moi interesante, non cres? En canto a se o estamos conseguindo ou non, eu creo que a resposta está máis que clara, o proxecto é un feito en tempo récord e cun custe económico moi axustado. Xa só con isto, en termos mercantís xa foi un éxito. O demais, xa non depende de nós.

Pois esperemos que sexa un éxito tamén. Moitas grazas por falar con nós Xosé, e moita sorte.

 

 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 19 de Marzo do 2014 | 11:02 a.m.

Outros temas de Entre Nós