publicidade hoxe
Xesús Ron: “De súpeto ves un cento de persoas paradas e rindo diante dun escaparate” - Cabecera

Xesús Ron: “De súpeto ves un cento de persoas paradas e rindo diante dun escaparate”

Xesus Ron

Imaxinan pasar por diante dun escaparate e atopar dentro a un grupo de actores e actrices representando unha obra de teatro? Seguro que máis de un xa sabe do que falamos. Quen aínda non o saiba xa pode ir abrindo ben os ollos cando saia facer os recados, porque o grupo teatral Chévere está xa a poñer en marcha o seu ‘Escapárate’. Este proxecto pretende dinamizar o comercio local e achegar o teatro ó que é, segundo esta compañía, o seu espazo natural; a rúa. Co seu director artísitco, Xesús Ron, reflexionamos sobre estas iniciativas e sobre a situación do teatro en Galicia.

Xesus Ron Nome e apelidos: Xesús Ron

Profesión: Actor e director de teatro

Cargo: Director Artísitico en Chévere

Está claro que nos tempos que estamos hai que renovarse. Nesas está o Grupo Chévere, non si Xesús? En que consiste o proxecto ‘Escapárate’.

Escapárate é un proxecto de dinamización do pequeno comercio a través do teatro. Xurdiu no 2003 a petición dunha asociación de comerciantes de Compostela. Nós propuxémoslles facer teatro dentro dos escaparates, pezas breves adaptadas ou deseñadas especificamente para este tipo de espazos e que se repiten varias veces ao longo dun día como se fose un festival de teatro nos escaparates. Desta maneira, ofrécese ao público unha  ruta teatral que o convida a andar e pasear polas rúas da súa vila á procura dos comercios e do teatro. É un convite a vivir as nosas vilas de maneira distinta e a deixarnos sorprender. Non é que os comercios participantes vaian necesariamente a gañar máis cartos ese día, senón que o teatro actúa atraendo potenciais clientes, que obteñen unha experiencia positiva. Isto mellora a valoración do comercio de proximidade entre veciños, visitantes e medios.

E como está a resultar? Que aceptación está a ter e como reacciona a xente?

Nos últimos anos esta experiencia levouse a cabo en sitios como Pontedeume, Viveiro, Lugo ou Pontevedra. En todos os casos acadou unha gran asistencia de público, no caso das cidades totalmente Xesus Rondesbordante, transformando incluso a dinámica habitual das rúas comerciais destas vilas. De súpeto ves un cento de persoas paradas e rindo diante dun escaparate, e ao longo do día vaise correndo a voz de que algo está pasando que non te podes perder. En canto aos comerciantes, as actuacións nos escaparates non interrompen a súa actividade, pero a súa rutina desaparece e o seu local por un día convértese en algo máis que un comercio. Dalgún xeito é unha motivación para continuar, e tamén unha oportunidade de fidelización. Algúns teñen aproveitado a actuación no seu escaparate para agasallar á clientela habitual ou a provedores. Créase un clima tan optimista que algunha vez rematamos brindando con cava cos propios comerciantes.

“Son pezas breves, adaptadas para ós escaparates e que se repiten varias veces ao longo dun día”

De que tipo de espectáculos estamos a falar? Que tipo de obras representades?

Moitas veces son pezas realizadas especificamente para un tipo de comercio. Por exemplo, fixemos unha peza de baile para zapaterías, unha lectura colectiva para unha libraría, outra que fala da relación entre un manequín e un comerciante que funciona moi ben en tendas de roupa. Temos metido a un mago nunha xoiería e nun ultramarinos. Marionetas nunha tenda de deportes. A uns clowns nunha colchoaría. Aos tres tenores nunha tenda de decoración. E mesmo fixemos unha vídeo-instalación nunha pastelería. Sempre usando o escaparate como escenario.

Xesus RonAdemais, creo que non fai moito tamén puxestes ós propios comerciantes a actuar, non si? Como foi iso?

Aproveitando que Chévere está a desenvolver un proxecto de residencia teatral no concello de Teo, puxémonos a traballar conxuntamente cun grupo de oito comerciantes da zona de Cacheiras durante varios meses. A idea era integrar aos comerciantes, que eles decidiran o contido das pezas en función das súas preocupacións e intereses e mesmo que se incorporasen como actores, actrices ou cantantes xunto a artistas profesionais. O proceso foi moi interesante, enriquecedor e motivador para todos. Pasámolo moi ben facendo teatro e compartimos inquedanzas, gustos e experiencias. O resultado final foi espectacular. Fíxose unha peza especificamente para cada un dos oito comercios participantes; unha panadería, unha perruquería, un bar, unha libraría, unha floraría, unha xestoría e unha clínica veterinaria. Unhas representáronse nos escaparates e outras dentro das tendas e houbo tanta xente que se tiveron que facer ata catro e cinco pases seguidos para dar cabida ao público.

“Temos metido a un mago nunha xoiería e nun ultramarinos, marionetas nunha tenda de deportes, clowns nunha colchoaría…”

Como dicía ó principio, renovarse ou morrer… Hai que buscar novas iniciativas para manterse?

É imprescindible. Ademais o teatro e a práctica do teatro ten un potencial excelente para comunicar, sensibilizar e facer feliz á xente. Ademais dunha presenza habitual nos circuítos culturais galegos, portugueses e españois, Chévere ten participado en proxectos relacionados con outros sectores, como a divulgación científica, o comercio, as políticas de igualdade, o turismo, o medio ambiente, o emprendemento, a educación, a lingua, etc.

Xesus RonComo están as cousas a nivel teatral? Como diriades que está a afectar a crise ó sector?

Por vez primeira o sector do teatro vive unha crise que non é propia, senón inducida por factores alleos. Antes de que as administracións públicas decidisen un recorte brutal (entre o 35% e o 70%) dos recursos dedicados ao teatro e unha suba de impostos que no caso do IVE superou o 150%, existía un tecido teatral consolidado, tanto profesional como afeccionado e un público amplo. Dentro do sector cultural o teatro é unha actividade notablemente profesionalizada que, sen ser industria, acadou uns niveis de rendemento económico e laboral satisfactorios. O teatro é unha arte moi viva. Pero fixémola depender moito do sector público, sobre todo porque o 90% dos escenarios existentes son propiedade ou están xestionados por algunha administración e as posibilidades de creación, distribución e explotación están minguadas polo abandono das políticas públicas. Hai que reorganizalo todo.

Xesus RonE a nivel público? Esa gran pregunta, ese gran dilema. Vai a xente ó teatro? En Galicia hai cultura teatral?

A xente vai ao teatro, de feito segue a ter un número crecente de espectadores en plena crise económica. En Galicia hai unha gran cultura teatral, aínda que non sexa uniforme en todo o territorio. Temos unha rede de teatros públicos cun nivel de asistencia moi aceptable, onde por exemplo  Chévere tivo unha media de case 300 espectadores por función o ano pasado. E nun concello pequeno como Teo, viñeron máis de 1.700 espectadores a ver a nosa obra Eurozone. Pero o público do teatro en Galicia é un capital que hai que coidar e saber xestionar. Por desgraza, o goberno actual da Xunta e dalgúns concellos evidencian unha incapacidade tan grande para facelo que fai perigar o que se foi construíndo ao longo de varias décadas.

“O teatro é unha arte moi viva, pero fixémola depender moito do sector público, hai que reorganizalo todo”

Hai (ou había) moitos proxectos de teatro infantil, supoño que é importante para espertar o interese por este xénero nos máis pequenos…

Non é tan importante a cantidade como saber xestionar o que podemos xerar. O teatro para públicos novos cumpre unha función relevante, pero non é a esas idades nin na contorna escolar onde se xeran espectadores para o futuro. O que sería fundamental é integrar o teatro como práctica en todos os niveis escolares. Algo que está fóra da axenda dos gobernos cando reforman as leis educativas, coa excepción da Lomce de Zapatero que polo menos incorporou o teatro e a música ao bacharelato artístico, algo que agora será eliminado.

“A xente vai ao teatro, de feito segue a ter un número crecente de espectadores en plena crise económica”

Que outros proxectos estades a poñer en marcha? Contádenos algunhas das vosas ofertas e como están a ser recibidas.

Este ano mantemos o Escapárate e repetiremos a experiencia de Cacheiras no concello de Teo, pero con máis comerciantes. Tamén estamos desenvolvendo un proxecto de teatro en igualdade en colaboración cun centro de secundaria e algunha outra idea relacionada con prazas de abastos e hoteis.

Xesus RonTedes tamén actuacións máis tradicionais, máis “das de sempre” digamos? Xiras?

Se entendemos por tradicional aquelas obras de teatro feitas para seren representadas en espazos culturais, agora mesmo seguimos xirando con Eurozone, unha peza sobre a crise de soberanía dos países periféricos na Unión Europea, que foi programada a finais do ano pasado polo Centro Dramático Nacional en Madrid durante un mes. No 2014 acaba de presentarse no Centro Niemeyer de Avilés, en marzo será na Universidad Carlos III de Madrid e na cidade de Lugo e nos meses seguintes en sitios como Narón, O Barco ou Ferrol.

Algunha obra nova que esteades preparando? Cal? De que vai?

Agora mesmo estamos ensaiando unha nova obra que se titulará Viaxe ao país dos Ananos, que se poderá ver en Pontevedra e Teo neste mes de abril e en maio. É un traballo feito a partir da experiencia da Ultranoite, un cabaré colectivo que xurdiu na Sala Nasa e que leva 20 anos representándose. É unha re lectura de xéneros populares como o cabaré, o teatro de variedades ou o musical para facer un exorcismo teatral que nos ceibe desta deriva política, social, cultural e económica na que está inmersa Galicia. Temas como a corrupción xeneralizada, o desprezo da lingua, o despilfarro en infraestruturas sobredimensionadas (Cidade da Cultura, portos exteriores, polígonos, etc.), as relacións da política autóctona co narcotráfico, o desmantelamento dos sectores produtivos, a autodestrución da esquerda, o abandono do patrimonio, a violencia sobre o medio ambiente, etc. Todo cunha perspectiva humorística, gamberra e un tratamento satírico da realidade.

“Viaxe ao País dos Ananos trata temas como a corrupción, o desprezo da lingua, o despilfarro en infraestruturas como a Cidade da Cultura…”

E tendo en conta todo este compromiso social, a pregunta é obrigada, como valores, como filosofía, cal diriades que é a do grupo Chévere? Que é o que tratades de facer e de transmitir?

A nosa intención é contribuír á transformación da sociedade galega. Transformar no sentido de mellorar, a partir dunha visión crítica, divertida, sen prexuízos e irreverente do que pasa, do que sentimos e do que somos ou podemos chegar a ser. Interésanos facer accesibles a un público amplo as linguaxes escénicas contemporáneas e participar de xeito creativo dos debates do presente.

Como vos definiriades? Con estes proxectos que estamos a ver, cando menos como un grupo innovador e activo…

Chévere é unha marca de prestixio no sistema cultural galego, porque sen renunciar a uns sinais de identidade, foi quen de consolidar unha traxectoria profesional ao longo de 25 anos e acadar unha importante proxección non só en Galicia, senón tamén no contexto español e portugués.

“É hora de defendermos o teatro e a cultura como un ben común”

Como se presenta o futuro? Moi complicado?

O futuro preséntase máis incerto do que viña sendo habitual. Estamos máis sos. Enfrontámonos a problemas sobre os que non temos capacidade de decisión, como as enormes cargas impositivas, un sistema de subvencións obsoleto e precario e unhas políticas públicas totalmente desorientadas. Pero hai moitos factores para o optimismo, como son a capacidade creativa e o talento existentes, a constante aparición de novas prácticas artísticas e valiosas experiencias de xestión cultural comunitaria. Sen dúbida será clave para o futuro a implicación da sociedade no sistema cultural e artístico. Como aprendemos das mareas brancas, a defensa duns servizos culturais públicos e de calidade deben implicar tanto a profesionais como a técnicos e usuarios. É hora de defendermos o teatro e a cultura como un ben común.

Moitas grazas por ter conversado con nós.

Xesus Ron

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 9 de Abril do 2014 | 10:18 a.m.

Outros temas de Entre Nós