publicidade hoxe
Xabi: “Aquí todo está feito ó grande, dende os coches ata os carteis de publicidade” - Cabecera

Xabi: “Aquí todo está feito ó grande, dende os coches ata os carteis de publicidade”

Xabi co Capitolio ó fondo

A historia de Xabier Pena ó outro lado do charco comeza na base naval de Rota, en Cádiz. Ata alí se trasladou, unha vez rematada a carreira de arquitectura en Coruña, para incorporarse a unha empresa que levaba xa anos traballando para o goberno americano. Apenas cumprira os catro meses en Rota, cando lle foi adxudicado á súa empresa o proxecto dun edificio de oficinas no Goddard Space Flight Center, unha base da NASA preto de Washington.

Xabi

Nome: Xabier Pena Villanueva

Idade: 29 anos

Profesión: arquitecto

Lugar de procedencia: Pontevedra

Lugar actual: SilverSpring, Maryland. Estados Unidos

Tempo de estancia: 1 ano

Marchar facer as américas sona ben, pero se ademais o fas para traballar para a NASA, sona mellor aínda, non o imos negar. “A verdade é que foi unha historia bastante curiosa, o meu xefe decidiu contar comigo entre o grupo de españois seleccionados para dirixir o proxecto, e o resultado é que aquí estou!”.

Non foi unha saída buscada, pero iso non lle resta nin un ápice de ilusión á aventura de Xabier. Por unha banda, por tratarse dun país que dende sempre lle chamara a atención, e pola outra, polo prestixio do proxecto ó que se ía enfrontar. “Non cabía en min de ledicia cando o meu xefe mo dixo, certo é que se bota moito de menos a terra, pero a oportunidade era moi boa e non podía deixala pasar, menos aínda tendo en conta como está a cousa en España”.

Unha arquitectura en auxe

Preguntarlle a Xabi (si, dous parágrafos despois xa lle chamamos Xabi, nós sómosche así), dicía, preguntarlle a Xabi pola situación do seu sector no noso país é case un trámite, pois falando da construción…  “En España nesta profesión está todo parado, pero aquí a taxa de desemprego é case residual e a construción goza de moi boa saúde, basta con dar un paseo para darse de conta de que a cidade está chea de obras de edificación e infraestruturas”.

E que edificacións! Se algo recorda dos seus primeiros momentos en Washington é esa sensación de que todo é tamaño XXL, “aquí todo está feito ó grande, dende os coches ata os carteis de publicidade. Esa sensación de que todo aumenta en tamaño e cantidade respecto ó que coñecía previamente, sorprendeume moito”.

Xabi coa súa moza Ana, na casa Branca. Ela tamén é española e traballa na súa mesma empresa. A súa chegada a esta cidade foi máis levadeira porque eran todo o grupo de compañeiros de traballo os que tiñan que trasladarse. Repartiron as tarefas e a busca de apartamento fíxose máis sinxela. “Despois de tentear varios lugares nos arredores de Washington, decidimos por alugar todos nun mesmo bloque residencial en Silver Spring, unha pequena cidade ó norte da capital. Levamos un ano aquí seguimos no mesmo sitio, polo que a decisión foi bastante acertada”. Non foron sinxelos aqueles primeiros pasos na gran cidade, pero os nervios e a incerteza duraron pouco, e a emoción da nova vida que empeza fixo que as cousas fluísen por si soas. “Foi moi emocionante para min chegar e comezar a percibir o cambio, o xeito de facer as cousas, as costumes… Washington encantoume! É limpa, con moitos espazos verdes e unha gran oferta cultural. Certo é que para min Galicia ten de todo, pero nun sitio coma este as posibilidades son enormes”.

Xabi na Pennsylvania AvenueA vida a cámara rápida

Dende fora a idea que nos ven á mente ó pensar nos EEUU é a de grandes cidades cheas de coches e ruído, nas que todo o mundo ten presa, e onde o que non segue o ritmo queda atrás. E non vaian a pensar que estamos moi equivocados, “aquí ó ritmo de vida é mais acelerado, a xente non para a tomar café, come en media hora ou no coche se non hai tempo. Cando se reúnen fano nas casas, apenas existe esa costume de quedar cos amigos a tomar unhas cervexas nunha terraza”.

Nos horarios e na organización da xornada tamén hai moitas diferenzas, “os americanos chegan á oficina, fan o seu traballo de corrido e marchan puntuais para casa. Non perden tempo polo medio porque prefiren saír á súa hora e aproveitalo logo, e iso fainos máis produtivos”.

O día para Xabi comeza ás seis da mañá, hora á que se ergue co tempo “xustiño, xustiño” para ducharse, vestirse, almorzar algo rápido e coller o coche, xunto cos seus compañeiros, camiño do traballo. “Á hora que saímos da casa hai pouco tráfico e lévanos uns trinta minutos chegar á base, pero pola tarde xa é máis complicado e coma collas algo de atasco podes botar máis dunha hora no coche”. A súa xornada comeza ás 7:30 e remata sobre as 6 da tarde, aínda que raro é o día que non bota algo máis de tempo.

Unha vez que chega á casa as posibilidades que ofrece esta cidade son innumerables! Innumerables e carísimas, todo sexa dito… “Se digo cara quedo corto! Washington e arredores é unha das zonas máis caras dos Estados Unidos e, coa excepción da gasolina, a tecnoloxía e quizais a roupa, nótase unha diferenza abismal, sobre todo nas cousas do día a día”. Ir ó supermercado convértese en todo un luxo, e se tomamos a referencia do café (que tan ben nos está vindo para comparar) raro é atopar un que baixe dos 3 dólares.

Xabi vendo as motos no Indianapolis RacewayOs alugueres, asegura Xabi, tamén son desproporcionados,“un piso de dúas habitacións con dous baños no meu bloque rolda os 2.200 dólares mensuais, e iso non é caro en comparación coa media aquí”. Agora ben, tamén é certo que os salarios adoitan ir acordes co nivel de vida, “no meu caso ademais, favoréceme o cambio actual que xa leva uns meses arredor do 1,35”.

En canto ás actividades de lecer as posibilidades máis baratas son as culturais, hai monumentos e museos con exposicións de todo tipo, e todos de balde. O que se afasta un pouco máis dos petos máis “normais”, son os espectáculos deportivos e musicais. Por non falar dos centros comerciais xigantescos que enchen as aforas da cidade, “podes pasar o día enteiro dando voltas e mercando. É unha sociedade totalmente orientada ó consumismo”.

Xabi cos seus compañeiros de traballo nunha barbacoa en Fedex FieldA esaxeración como premisa

É quizais unha das cousas que máis lle continúa chamando a atención deste país, que son unha cultura, segundo nos di, de extremos. “Non teñen termo medio e transforman calquera cousa nun espectáculo. Magnifican tremendamente todo o relativo ás súas tradicións e costumes”.

Salvando todas as distancias, se tivera que buscar algunha similitude, Xabi fai referencia ó carácter, “pode que o carácter reservado que teñen nesta parte do país sexa parecido ó galego, aínda que despois dáste de conta que nós somos máis agradables e próximos que a xente de aquí. Eles van máis ó seu, a maioría dos meus veciños nin sequera me miran nin saúdan cando coincidimos no ascensor”.

O mar e os seus manxares

Para quen sempre viviu preto da auga (e non me refiro só á da chuvia), afastarse do mar resulta complicado, “certo é que Washington non está moi lonxe do Atlántico, pero aínda así para atopar unha boa praia tes que facer case tres horas no coche, polo que non podes permitirte ir todas as fins de semana”.

Igual que non te podes permitir comer “o noso polbo”, e iso faise duro! Malia todo, non é que el teña demasiada queixa con respecto á comida, “aquí teñen unha carne boísima, as hamburguesas e os filetes de tenreira polo xeral son incribles! Ademais as racións son enormes, polo que nunca quedas con fame”. Pero a cociña da terra é a outra cousa… “Non teñen os nosos peixes, o noso marisco… E xa mellor non falar do xamón serrano ou do chourizo. Atopar podes atopar case de todo, pero é moi limitado e os prezos andan polas nubes”.

Respirar Galicia

Por sorte o verán está aquí, e pouco lle queda para pasar un par de semaniñas na casa, cargar as pilas e encher de recordos o padal, “cada vez que vou estou tan a gusto que me custa a vida regresar”.

Nisto a familia e os amigos repártense as culpas. Eles son os que fan difícil a volta, sobre todo os seus pais… “Bótaselles de menos, sobre todo xuntarnos nas churrascadas típicas do verán e, como non, no cocido que fai meu pai os domingos!”.

Xabi e Ana no Fedex Field, vendo un partido

Por suposto, como bo pontevedrés, hai outra tradición que non perdoa e que é a primeira das citas que cumpre nada máis chegar; “quedar cos amigos para tomar unhas cañas na Praza da Verdura de Pontevedra! Pode parecer unha parvada, pero é algo que disfruto moito e que aquí non teño”. Igual que tampouco ten as verbenas! “É algo que deberíamos exportar ás américas”.

Para facerlle máis levadeira a estancia, recibiu hai uns meses a visita de dous amigos “viñeron a Nova York e quedamos alá un fin de semana, recoñezo que é complicado porque a viaxe non é barata e non hai voos directos dende España (tes que facer escala en Miami, Nova York ou Chicago) polo que é unha paliza, pero non perdo a esperanza de recibir algunha máis, de verdade que paga a pena coñecer isto!” (Se o di de verdade ou para combater a súa morriña xa é outra cousa…).

Algo que si que puido continuar facendo en Washington, a pesares das diferenzas, é xogar ó balonmán. “Practícoo dende pequeno e ó chegar aquí, por curiosidade, comecei a buscar por Internet. Atopei equipo en Washington, contactei e comecei a adestrar e a xogar a liga con eles. Certo é que a maioría dos do equipo somos europeos, pero é un deporte que está collendo pulo e cada vez hai máis americanos xogando”.

Xabi na cidade de AlexandriaE como amante do deporte, que tipo de americano (aínda que sexa de adopción) sería, se non seguira o fútbol americano? “É un deporte que nunca me chamara moito a atención, pero fun ver un partido ó ano pasado e encantoume! Dende aquela sigo as xornadas das fines de semana máis que as da liga española!”.

O visado

Se ten que dar un consello ó que estea pensando en vir, Xabi teno claro, que se anime, pero que non veña á aventura, é dicir, que procure chegar xa cun contrato laboral. “Traballar ou estudar nos Estados Unidos require un visado, e sen ter alguén de aquí que che facilite conseguilo, entrar no mercado é case imposible. Coa excepción de aqueles que son orixinarios de países con acordos de traballo cos Estados Unidos, como é o caso dalgúns países de Centro América, non coñezo a ninguén que vira aquí a buscarse a vida”.

Iso si, unha vez aquí as experiencias e as historias para contar son desas que se gardan para sempre e que disfrutas ó máximo porque sabes que non se van repetir… “Lembro a viaxe que fixen o ano pasado dende Washington a Indianápolis para ver as carreiras de motos. Marchamos un venres despois de traballar e fixemos dez horas de coche cruzando Pennsylvania, Ohio, WestVirginia… Foi unha boa experiencia. E logo estar naquel ambiente, no circuíto con máis historia do país… Impresionante! Xa que estou aquí tento aproveitar para coñecer e visitar o máximo de lugares posibles. Este verán teño plans para ir a California uns días, apetéceme moito coñecer a costa oeste”.

Xabi na cidade de AnnapolisDende aquí todo parece tan grande, tan espectacular, tan afastado… Resulta difícil decidir por onde empezar e que coñecer. Pero ó mesmo tempo para o que leva un ano por terras americanas, preguntarlle por un só lugar que recomendar parece misión imposible! Facendo un esforzo quédase con dous, “aparte do típico, que é coñecer a Casa Branca, o Capitolio e o monumento a Lincoln, recomendo especialmente visitar Annapolis, que é unha pequena cidade na baía (a cousa de media hora de Washington)”. Que ten de especial esta cidade? Pois para empezar un pouquiño de historia, que xa é moito falando dos EEUU. “Ten moito encanto e edificios con máis de 200 anos de antigüidade, cousa complicada de ver nos Estados Unidos, e ademais aquí cómese un cangrexo moi bo”. Outra recomendación que non quere deixar de facer o noso “americano” é a NBA, “hai que ir ver un partido polo menos, é un espectáculo incrible”.

Para o que precise algún consello máis non ten máis que pedirllo, podemos dicir con coñecemento de causa que como anfitrión, aínda en terra allea, non o hai mellor.

Vendo a situación en España, polo de agora, mentres o traballo aguante, seguirá por aquí, “traballar nos Estados Unidos para min é unha etapa da vida que terá o seu fin a medio prazo, non me imaxino facendo vida permanente neste país, quero volver a Galicia ou polo menos a algún sitio máis preto”. Mentres non poida ser, terá que seguir combatendo a morriña a forza de fotos e bos recordos. Iso si, aínda que non queremos meternos nós onde non nos chaman, parece que certa compañía lle está a poñer as cousas máis sinxelas… (Shhh).

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Xuño do 2014 | 4:34 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante