publicidade hoxe
Unha figueira musical - Cabecera

Unha figueira musical

Hoxe púxenme a escribir estas liñas no porche da casa. E non se escoita nada de nada. Silencio absoluto. Que pracer. Que ledicia. Que felicidade. (teño para min que a música tamén é ausencia de son).

Blondie e Nadal, os cans labradores da casa, estomballados ao meu carón. O vizoso limoeiro (máxica árbore, que tamén dá laranxas) espreguizándose ao sol que sae engordiño por entre as nubes do ceo. Os magnolios parolando entre eles das súas “cousiñas”. E a oliveira, bela e elegante, coma sempre.

E é que veredes, a un veciño –boa persoa e grande entendedor (coñecedor) do mundo das árbores– déuselle por utilizar como espantapaxaros un sistema novidoso e revolucionario, o son musical da canle de radio do meu pobo.

Así pois, desde hai preto dun mes, durante todos os días (coas súas noites correspondentes), unha animada verbena festeira, cos altofalantes, sitos no alto da figueira, ameniza todos os recunchos do noso lugar.

Os cans, que ao principio ladraban desde a nosa cerrada cara a árbore musical (léase campo da festa), xa están adaptados ao novo ritmo, mesmo xa os teño pillado movendo o rabo ao son do compás.

A xente que pasea polo camiño fica pampa e sorprendida ao escoitar música nunha finca onde non hai casa nin xente, e mira con asombro para a figueira de onde procede o espectáculo musical; sen dúbida un bo exemplo do profundo realismo máxico do noso país.

Pero a “cousiña” non queda aí, aínda hai máis, outro veciño comentoume que desde que andamos coa troula, unha galiña (moi festeira ela) cólase por un buraco do arame, e corre toda leda a botar unha pieza (seica é moito de Bisbal) baixo a figueira.

Agora habería que analizar se coa festa “jolgorio”, o I+D+O (léase, Investigación + Desenvolvemento + Ovos) é significativa na posta das galiñas, e en que grao afecta á produción avícola no contexto dunha Europa emerxente no panorama mundial.

E por iso de panorama, imaxinádevos ter á “Panorama” polo día e á “París de Noia” pola noite a carón do voso fogar; pois o mesmiño, só falta que algún avantaxado empresario emprendedor poña un posto de churros, outro de “pulpo”, uns “cochitos eléctricos”, e dúas bombas de palenque ben botadas; e “voilá”, xa temos festa rachada. E todo, de balde, sen saír da casa. Boa semana.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 11 de Outubro do 2014 | 10:38 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"