publicidade hoxe
Un rododendro e dúas paulownias - Cabecera

Un rododendro e dúas paulownias

Chove e vai frío na estrada da vida. O pedrazo destes días fíxolle mal ás árbores da casa que quedaron como enfurruñadas, agardando que volva saír o sol, ao igual que Blondie e Nadal que andan melancólicos, metidos no mesmo cocho.

Cando escampe vou plantar un rododendro, agasallo dos pereiriños de 3º e 4º do CEIP Pérez Viondi, cos que estiven o pasado xoves, día do libro, para falarlles da “Lectura e outras Cousiñas” (por certo que a pasada semana andei no CEIP Virxe das Dores de Forcarei onde me recibiron con moito agarimo e me agasallaron cunha moreas de debuxos). E tamén vou plantar dúas Paulownias que trouxo a miña Raíña, agasallo dun amigo.

Xa tivemos un rododendro arbóreo (tamén coñecido como buráns ou guráns) no xardín pero por motivos (digamos) “caninos” non foi arriba. Desta planta que bota unhas flores vermellas moi rechamangueiras pon o libro que teño entre as mans que é a flor nacional do Nepal, e a árbore estatal de Uttarakhand and Himachal Pradesh (aí queda iso), alá pola India.

En todo caso, aproveitando que o vindeiro mércores vou falar cos pereiriños do CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, intentarei visitar o magnífico exemplar de Serantellos que figura no catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

En canto ás Paulownias, leo que son árbores de rápido crecemento (moito máis que o Piñeiro), cunha follas moi grandes, de ata 60 cm, e unha corola preciosa de cor púrpura.

Existe unha tradición en China (de onde é orixinaria) que consiste en que cando nace unha nena, a familia planta unha paulownia que acompaña o crecemento da rapaza ata o día do seu casamento en que a árbore é talada para facer os mobles do seu fogar.

E vou aproveitar arestora –saen unhas raiolas de sol– para poñerme mans a obra, pero nesta ocasión plantareinas fora do xardín, que a nosa rockeira cadela Blondie gusta moito de abrazarse ás árbores; e como é ben sabido, hai cariños que matan.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 25 de Abril do 2015 | 2:49 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"