publicidade hoxe

Un rato na casa

O caso é que desde o domingo á noitiña temos sinais inequívocas de que un roedor se instalou na nosa cociña. Nin que dicir ten que, logo da convocatoria dunha reunión urxente familiar, acordamos (por unanimidade) desfacernos do noso inesperado invitado.  

Da simpatía dos ratos, hai como todo na vida, división de opinións. Hai xente, como miña nai, que lle producen auténtico arrepío. E outra, como a miña amiga Rocío, que non dubida en collelos polo seu fino e longo rabo para sacalos do hórreo, ante a expectación de Marta e Julia, as súas fillas; e de Michi, o seu gato, que seica (todo hai que dicilo) é algo papón para estes menesteres.

O tema de conversa da semana, como é doado de adiviñar, xirou ao redor do protagonista deste artigo. O luns, Luis, un amigo, bo albanel, que está instalando un Stonehenge a xeito de fonte no xardín, comentoume que hai uns aparellos que van conectados á corrente eléctrica que repelen a entrada dos ratos nas casas. Mais o caso que nos ocupa arestora é xusto o contrario. Logo de filosofar se todo o que entra sae e viceversa, aconselleime cun profesional e escollín (perdoen os defensores dos animais) un veleno eficaz, dunha coñecida marca galega.

Pola noite, cando a familia foi para a “piltra” e o Nadal para o cocho, collín tres sobres e coloqueinos en sitios estratéxicos. Á mañá seguinte, faltaban dous, a “cousiña” ía ben.

O martes, no colexio, dous rapaces avantaxados en todo o referente á familia dos múridos, fixéronme saber que había que estar moi atentos, porque había ratos que se facían resistentes ao veleno e poderían inmunizarse. Logo, pola tarde, Baños, o meu veciño, unha persoa que eu teño por competente (que diría o poeta Manuel María), díxome que estaba de “noraboa” que unha casa sen rato non era casa nin farrapos de gaita, e que para collelo o mellor era unha trampa con pegamento.

Pola noite coloquei de novo os sobres e á mañá seguinte, tras informar aos dous alumnos expertos dos progresos obtidos, comunicáronme que tal e como era o “modus operandi” debía ter máis dun inquilino.

Unha compañeira, amante dos felinos, apuntou que o que debía facer era levar un gato para casa.  Veume á cabeza o Samuel, o gato de Carlos Casares, e a verdade que non me pareceu mala idea pero pensei en Nadal, o noso can labrador, e desboteina.

Na tardiña do mércores, contra ás 8 da tarde, estaba botando unha man ao albanel, asentando a pedra (ben patrimonial dos meus avós de Guimarei), e comentando ás últimas novas do rato, cando recibín unha chamada telefónica do xornalista Víctor Furelos, dicíndome que ónde estaba? Que me estaban agardando en Compostela, na Cidade da Cultura, para o acto de entrega do Premio Xuventude Crea.

Naturalmente logo de ficar un pouco contrariado e de desculparme mil veces, decidín escribir o artigo para o noticieirogalego, non para botarlle a culpa ao rato (que a ten), senón para dárlle os parabéns aos premiados e desculparme unha vez máis, cos meus compañeiros de xuri, a poeta Lupe Gómez (que me agasallou cun retrato dunhas preciosas vacas de Fisteus e con dúas infusións da felicidade); o escritor, Luis González Tosar (que é todo un poema aberto do que aprender cando estás ao seu carón); o bo xornalista Víctor Furelos; a secretaria Pilar Tamerón Montesinos (que é de Viana do Bolo, onde tiven a miña primeira escola; e Yolanda Otero Balsa, subdirectora xeral de Promoción e Actividades de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

No referente ao rato seguireivos informando, agora estou pensando en facer como ensoñaron os irmáns Grimm no seu conto O flautista de Hamelin.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 22 de Novembro do 2013 | 10:15 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"