publicidade hoxe
Un descubrimento - Cabecera

Un descubrimento

Tiven varias chamadas esta semana interesadas polo rato, pola fonte do xardín, e a petición dunha señora que, moi amablemente, aconselloume que debía contar máis “cousiñas” de Nadal, o noso can labrador e do limoeiro que dá laranxas. Ben. Do rato non hai rastro del por ningures. E á fonte (eu chámolle o Stonhenge) fáltanlle uns pequenos detalles para rematala. Das outras “cousiñas” seguirei os consellos da amable lectora e irei dando cumprida conta de cando en vez.

Hoxe quero falar dun descubrimento que principiou un día de xullo de 2009, tomando café no “Chiringuito”, a cafetería do xardín do meu pobo. Achegóuseme o camareiro e, nun castelán con acento (que eu interpretei como de Europa do leste), preguntoume, se era o escritor. Se tiña gañado algún premio. E logo, faloume do que realmente me quería falar, dun tío seu, que tamén era escritor, dun pequeno pobo chamado Gjirokaster, en Albania. O seu tío ía vir a España, en outubro, a recoller un “pequeno premio”, según el mesmo lle comentara. Como o camareiro marchaba a pasar uns días á súa casa e ía visitar ao seu tío escritor, esa mesma tarde, deixeille  na cafetería, un par de libros, As cometas da Vida e Memorias do Cairo.

O caso é que tiña esquecido o tema cando a principios de setembro recibín un paquete. Viña de París. Abríno, expectante, con curiosidade, dentro había dous libros, Frías Flores de marzo e Crônica na Pedra, con dúas agarimosas dedicatorias do autor. Naturalmente linos rapidamente. Eran desas historias que nos firen como o gume dunha navalla. Relatos que nos fan descubrir o mar conxelado que temos dentro de Nós, que diría Kafka. E é que se o libro que estamos lendo non nos desperta cun golpe na cabeza, para que (carai) lemos?

Foi deste xeito como descubrín ao mellor escritor Albanés do século XX (exiliado en París). Decubrín a un dos grandes autores da literatura universal, eterno candidato ao Nobel. Descubrín unha escrita cotián pero chea de lirismo e de traxedia. Foi deste xeito, amigas e amigos lectores, como descubrín a Ismail Kadaré. 

Ese mesmo ano (outubro de 2009), tal e como me contara seu sobriño, o escritor viña a España (ao Teatro Campoamor de Oviedo), a recoller un “pequeno” premio, “pola beleza e o fondo compromiso da súa creación literaria”, o Príncipe de Asturias das Letras.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 29 de Novembro do 2013 | 6:54 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"