publicidade hoxe
Un compañeiro - Cabecera

Un compañeiro

De neno tiven un compañeiro na escola ao que lle chamabamos “Punto Filipino”. Nin que dicir ten que era tremendo, un bala perdida, un falcatrueiro. As trasnadas –a meirande parte delas auténticas porcadas– contábanse por centos e facíaas sen inmutarse, dun xeito natural.

Polo burato, que tiña no centro do dente, cichaba o cuspe con tal precisión matemática que onde poñía o ollo deixaba a marca da pastramada.

No inverno dáballe moito xogo a catarreira, introducía unha xiringa polo nariz, tiraba suavemente polo émbolo e xa tiña cargaba a arma; logo, cun certeiro golpe no pupitre, deixaba o viscoso fluído no teito da aula. E pobre de quen se movese.

Era tal a cantidade de barrabasadas que facía que cando escribín As cometas da vida (Ed. Fervenza, 2000), o personaxe (na ficción) de Antón Bermejo, “O Mocos,” estaba inspirado neste meu compañeiro.

No entanto, un día que coincidín con el no cine, iamos ver El Zorro, contemplei unha escena que me deixou marabillado. Alí estaba “Punto Filipino”, na taquilla do Principal (con cara de Anxo chegado do ceo), pagándolle as entradas a cada un dos seus catro amigos, tamén internos no mesmo colexio.

Sen dúbida un xesto noble que viña demostrar que os “malos” tamén teñen momentos de debilidade. Ou iso pensaba eu, porque esta semana descubrín (falando cun deses rapaces que arestora teñen ao redor de 50 anos) que os cartos da invitación foran rapiñados polo mentirán nunha partida de pocker nocturna.

Por suposto, ninguén sabía xogar agás o tunante, que era o único que non tiña posibles e seica facía de banca. E como é ben sabido, e el mesmo se encargou de transmitir aos alí presentes (cun aceno de mala ostia), “a banca nunca perde”.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 3 de Outubro do 2014 | 6:12 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"