publicidade hoxe

Toño Casais, a outra metade de Pascual e Marcial

Toño Casais

Para o público de Luar é Marcial, para os seus veciños de Cee sempre será Xosiño da Ghaita pero baixo unha infinidade de personaxes agóchase Toño Casais, un dos actores máis representativos da escena galega. Radio, teatro e televisión non teñen segredos para un actor coas ideas moi claras e cos obxectivos do seu futuro fixados nas tres grandes premisas do seu día a día, humildade, formación e paciencia.

Toño Casais

Nome: Antonio Casais

Personaxe: Marcial, do dúo cómico Pascual e Marcial

Idade: 37 anos, nin moitos nin poucos, pero ben levados

Estudos: Os xustos, como dixo meu pai, polo menos aproba selectividade, e despois dediqueime ao que realmente me gustaba, a interpretación

Residencia: En Cee, a miña vila natal, aínda que deambulei por Santiago, Barcelona, Ourense… pero ao final retornei.

Toño Casais

Como comezaches a ser actor?

Empezou sen querer, como un grupo de teatro afeccionado, canto tiña 11 anos e o meu compañeiro Artur era o director. Ese grupiño, con rapaces de 11-12 anos foise consolidando, foi medrando e cada ano tiñamos estreas e collemos certa sona na comarca e, sen darnos conta, chegamos aos 18-19 anos e todo o noso tempo libre o dedicamos a isto e, sen querer, vímonos vivindo disto.

Recordas a túa primeira interpretación?

Si, claro. Marcoume moito no meu pobo porque fun Xoseíño da Ghaita por moito tempo. Era unha obra costumista, chamábase ”A xustiza do muiñeiro”. Aquilo fora algo moi bonito porque estreáramos nun teatro de Cee no que collían 150 persoas e aquel día multiplicouse con xente sentada no chan… era a primeira vez que actuaban os rapaces do pobo.

Hoxe en día é complicado ver un teatro así de cheo?

Moi complicado ver un teatro cheo, nós temos a sorte de traballar en moitos teatros e a desgraza de ver moi pouco público.

Tiveches outro traballo sen dedicarse ao espectáculo?

Si, antes compaxinaba o traballo na radio, como locutor, durante uns 5 anos, comecei nunha emisora local e despois na Ser a nivel comarcal. Aínda fago algo agora, xa que é un mundo que me gusta moito.

Fas teatro, humor, radio, televisión, cine… Onde te sintes máis a gusto?

No teatro, creo que me sinto cómodo porque é o que máis manexo. Recordo o primeiro día na televisión e era un mundo novo para nós. Non somos conscientes deses tempos, nós o que mellor coñecemos son os ritmos en teatro.

Que tipo de papeis che gusta máis interpretar?

De cara ao público e máis agradecida a comedia, entra moi fácil. Agora, os personaxes nos que te sentes máis realizado están nos dramas.

Toño CasaisCal é o personaxe que interpretaches do que te sentes máis orgulloso?

En “Palabras encadeadas” con Talía Teatro, foi unha obra que tivo moitos premios. Fixen de Ramón, un home que encerraba a súa exmuller nun garaxe en vinganza por todo o proceso de separación. Era unha obra moi dura pero que gozou dunha crítica fantástica e gozabas de ser un auténtico canalla.

Déronche algún premio?

Si, dous María Casares, un por protagonista en “Palabras encadeadas” e outro por secundario nun espectáculo “Encoro”. E outro o premio de interpretación masculina por “Esperando a Godot” no Festival de teatro do Carballiño.

Cal é o que máis ilusión che fixo?

A comedia é moi agradecida pero os personaxes dramáticos fante sentir máis realizado

Sen dúbida o María Casares, é o premio máis relevante do mundo do teatro en Galicia e ten un cariño especial porque dano os propios compañeiros e iso é o cariño da profesión.

Cales son as luces e as sombras do teu traballo?

É moi inestable. É moi bo porque cando tes unha boa racha gozas moito pero vai a trompicóns, podes estar temporadas enteiras sen parar e pasar a estar na casa dous meses esperando que soe o teléfono, esa espera é moi desagradable. Tes que ser moi paciente e formarte, aproveitar esas temporadas para continuar medrando.

Cal é o personaxe que soñas interpretar?

Non sei a quen, pero unha vez escoitei a frase “o mellor personaxe está por vir”. Aínda que a min gustaríame facer un personaxe que, por idade, xa non poderei facer, e sería “Romeo” de “Romeo e Julieta”.

Cal é o teu director preferido?

En teatro, o director que máis me esixe e co que máis contento estou co produto que saco é Xulio Lago; é un director moi duro pero que che saca as mellores interpretacións. Co que máis cómodo me sinto traballando sería Artur Trillo, foi co que comecei e quen me dirixiu durante moitos anos. Coñecémonos moi ben e sabe como levarme.

Como se compaxina a labor mediática e a vida persoal?

Na rúa soen chamalo “Petróleo”, confundíndoo co actor Luis Zahera

Lévase ben, porque os veciños coñécente e incluso notas esa certa ilusión que ten a xente de estar ao lado de alguén que sae na televisión. Supoño que a outros niveis será diferente pero a min non chegou a ese punto e por agora é agradable.

Confundíronte na rúa  con algún outro famoso?

A min na rúa confúndenme con Luis Zahera. Sempre me chamaban “Petróleo” na época de “Mareas Vivas”.

Cal é o actor ou actriz que máis admiras?

Iso é moi complicado, hai moitos fantásticos pero un que sempre me encantou é Inmanol Arias, paréceme un actor estupendo. Unha vez tiven a oportunidade de ver en teatro a Héctor Alterio, un arxentino con preto de 70 anos, e deixou ao público alucinado.

Toño CasaisCal é a mellor virtude que debe ter un actor ou actriz?

Humildade e paciencia. Primeiro humildade, porque sobre todo cando saes na televisión, nun programa como Luar, con tantos espectadores que, de pronto, pódeste sentir famoso e posuidor de non sei que virtudes e de repente váiseche a cabeza. Pero tes que ter claro que na televisión estás hoxe e mañá non estás. Se mañá deixas de funcionar como actor retírante e xa está. Es un produto que funcionas durante un tempo e tes que aproveitalo e saber que se pode acabar. Tes que ter humildade e paciencia porque isto é moi lento. Os “triunfitos” son un entre un millón.

O éxito na profesión é complicado, como o leva a túa familia?

Encantada da vida, miña nai é unha fiel de Luar que me viu actuar dende pequeniño entón síntese orgullosa e faille graza cando lle falan de min na rúa.

Se non te dedicaras a isto, cal sería a túa vocación?

Á radio, sen dúbida.

Cal é a película ou obra de teatro que nunca te atreverías a facer?

Danme moito medo os monólogos, o defenderte só. Sabes que cun compañeiro tes un apoio, se tes un mal día o compañeiro turra de ti e podes sacar a función adiante. Pero enfrontarte nun monólogo a un público con 150 persoas, ver que non funciona e ter que acabar facéndoo igual, é o que máis medo me da.

Teme aos monólogos por ter que defenderse só ante o público

Gústache verte despois das actuación?

Nada, son moi crítico comigo mesmo. Rara é a vez que me gusto. Os sketchs de Luar aínda os podo ver pero en series non son capaz de verme.

Que consello das aos que comezan no teatro?

Primeiro que se formen. Eu tiven que marchar a Barcelona porque en Galicia non había unha Escola de Arte Dramático, fixen os meus cursos en Santiago pero chegaba un momento no que parabas porque non había máis. Agora en Vigo hai unha escola de teatro bastante boa, e os xóvenes veñen ben formados. Por iso, o primeiro é formarte e despois buscar oportunidades, porque isto ten moito de factor sorte, estar no momento adecuado no lugar axeitado; pero sobre todo paciencia, que non teñan presa porque isto é unha carreira de fondo. O máis importante é a preparación, como nos dicía un director de teatro, Cándido Pazó, “un actor ten que ter unha caixa de ferramentas grande para que durante toda a súa vida a vaia enchendo e con cada papel poida empregar unha ferramenta distinta”. Se che din mañá tes que cantar, pois cantas, tes que bailar, pois bailas… tes esa formación para competir porque hai moita xente e moi boa.

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 12 de Decembro do 2013 | 11:32 a.m.