publicidade hoxe
Tempo de filloas - Cabecera

Tempo de filloas

Arrefría, sen decatármonos o ar vai fiando moito máis agudo, asubía sen desmaio, mentres os nubeiros obesos son parte fundamental da panorámica cotiá. Van chegando as baixadas de temperatura, un descenso que se acentúa ata estremecer aos repoludos e atemorizar ás estaleas nocturnas.

Os alípedes bípedes non teñen acougo, forzas maquiavélicas conseguen rachar coa identidade e a vontade destes seres que se encontran á deriva nun limbo descoñecido. Sobrevoan o tremor dos cans de palleiro e o esparruñar desacougado dos galos no curral.

Tamén nesta época o outro galo, o desplumado, permanece no subconsciente dunha gran maioría. Visitante habitual é o gran temor, auténtico terror para todos aqueles que se encontran no limiar da realización vital.

Sinais e sinais que son confirmados polo gran símbolo da zona. A certeza é total cando os suores do Pico comezan a ser constantes e as cinzas do dragón esnaquizado expande o seu arrecendo sen límites nin fronteiras.  

Nesta bucólica paraxe de crenzas e rituais ancestrais que forman Lestedo e o Pico, a filloa é o auténtico setestrelo dos desexos degoirados, pois dende tempos remotos este manxar acadou recoñecemento e aprobación unánime.

A filloa de Lestedo é un legado íntimo que permanece buligando nas suores máis intensas do místico universo dun monte encantado.

Mulleres e homes desta contorna lograron a mellor execución dun nutrimento que se deixa engaiolar pola paixón coa que é elaborada. No entanto, o ardor da súa cocción final achega un solemne ritual.

Faíscas incandescentes / muxicas que soben fluorescentes / nun remuíño de luminaria relucente / na fútil danza candente. /

Descenso pausado, semella domado / na procura da masa efervescente / sobre acolledor filloeiro ardente, / chega a repousar o bailador molente. /

Auga da fonte sagra do Pico. / Óleo e relón de Lestedo e Boqueixón, / unión coa sabedoría de xeración en xeración, / entregan a mellor versión / dunha filloa sen parangón. /

En Lestedo é unha paixón / saborear cultura e tradición / tamén unha beizón / que non ten contraindicación.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 12 de Febreiro do 2015 | 10:40 a.m.

Outros temas de Portelo do Retorno -