publicidade hoxe

Teatro no Foxo

E todas agardabamos no Salón de Actos do Patriarca do Teatro Galego, “Manuel Daniel Varela Buxán. E unha “voz en off” mandou apagar os móbiles. E todas ficamos nerviosas, expectantes, caladiñas. E fíxose a luz. E one, two, three…

Vinte e sete mulleres (digo ben, vinte e sete), fixéronnos o mellor agasallo. Un galano de outono. A estrea por primeira vez no noso país (en setembro fixérase na Universidade Complutense de Madrid) da peza tráxica – cómica orixinal de Xesús Alonso Montero, O xuízo oral bilingüe nunha vila galega no outono de 1942 (Ed. Fervenza, 2014).

Unha peza que amosa actitudes diglósicas e clasistas que por desgraza para a lingua de noso, aínda non foron erradicadas. Unha obra de recuperación da memoria histórica, que engancha, que envolve, que atrapa, que nos fai tremer (léase, sorrir e chorar).

Unha achega dramática que nos amosa a crueldade (a barbarie) dunha ditadura que os máis novos (os noso “pereiriños”) teñen a obriga de coñecer, para que a traxedia da senrazón do franquismo nunca máis sexa a protagonista no Teatro da Vida.

E que dicir das actrices, do bo, o mellor. E que subliñar da escenografía, perfecta. Unha “Mise en Scène” fantástica. E para máis inri, un ritmo de acción frenético, cun final (a cámara lenta) apoteósico.

Teatro amador (como din os nosos veciños portugueses). Teatro popular. Théatre Paradise. Teatro (en definitiva) do bo, exemplificador (que diría o noso admirado Varela Buxán).

Velaí a obra do profesor Xesús Alonso Montero representada maxistralmente co sorriso, co tesón, coa forza, coa paixón (tamén) das mestras e nais do CEIP do Foxo. Mil parabéns.